Argyropoulos: “Un buque como o Prestige pode transvasar tres mil toneladas por hora”

O xefe de máquinas do Prestige no xuízo
O interrogatorio ao xefe de máquinas do petroleiro asegurou que “todo funcionaba” cando chegaron as autoridades e que era posíbel o transvase. Nunca Máis protestou co lema "Na Galiza Impunidade Nunca Máis" impreso nas súas camisolas.

 

A xornada de hoxe no xuízo pola catástrofe do Prestige prometía. O interrogatorio do xefe de máquinas do petroleiro, Nikolaos Argyropoulos, rematou a media mañá e tocáballe a quenda ao exdirector xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors.

Membros da Plataforma Nunca Máis asistiron en previsión desta circunstancia para amosar a súa crítica diante do único acusado con implicacións políticas do xuízo. A suspensión deste segundo interrogatorio até mañá por parte do xuíz deixou a fotografía da protesta no interior da sala e na entrada á sala habilitada para o proceso en Expocoruña.

“Todo funcionaba ben”

O interrogatorio ao xefe de máquinas continuou na liña de onte. Argyropoulos asegurou que “todo funcionaba ben” o 13 de novembro de 2002 e que a actuación da tripulación do Prestige foi a correcta. Sobre as causas que levaron ao petroleiro a ter o sinistro defendeu a tese da “grande onda” que comentara tamén Mangouras no seu interrogatorio.

Nunca Máis protestou co lema "Na Galiza Impunidade Nunca Máis" impreso nas súas camisolas.

Argyropoulos reiterou que o Prestige podía salvarse daquela se as autoridades españolas optaran polo traslado do buque a un porto de abrigo. Segundo afirmou, o transvase de fuel desde un petroleiro das características do Prestige podería realizarse a razón “de tres mil toneladas por hora”.

O xuízo retomarase mañá co interrogatorio ao exdirector xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors.