Argumentos para unhas festas sustentábeis

Obradoiro de reciclaxe

Planificar as compras, apostar no comercio local, evitar embalaxes excesivas ou mercar produtos frescos, do país e etiquetados en galego son algunhas das accións que podemos levar a cabo, sexamos ou non crentes, para gozar dunhas festas respectuosas co medio ambiente

O impacto ambiental negativo que producimos durante esta festividade é desmesurado, un alto custo derivado de todas as cuestións relacionadas coa iluminación, alimentación, viaxes, agasallos… Sendo o problema principal os residuos que se xeran e que representan unha porcentaxe elevadísima se o comparamos co decorrer do resto do ano. Pensemos só, por exemplo, en todos os excesos que proveñen da sobreembalaxe dos produtos.

Vivir e gozar dun Nadal respectuoso co medio ambiente é, ademais de sinxelo, necesario

Coa finalidade de paliar eses danos, achegamos orientacións diferentes e ecolóxicas que poden ser fáciles de incorporar, porque vivir e gozar dun Nadal respectuoso co medio ambiente é, ademais de sinxelo, necesario. Por iso, se procuras algo máis que orixinalidade á hora de facer agasallos, que respecten os dereitos humanos e o medio ambiente, anota estas propostas sinxelas e efectivas que nos facilitou Marie Lacassagne, responsábel de consumo de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), con recomendacións de diversa índole e facilmente aplicábeis.

Consellos

O primeiro paso é planificar e programar as compras, “ter en conta aquelas cousas que nos son realmente útiles, aquelas ás que se lle vaia dar un verdadeiro uso”, afirma Lacassagne. Deste xeito, evitaremos mercar en exceso ou artigos que non necesitamos, así como facer viaxes innecesarias –e, de paso, reduciremos o gasto en combustíbel e CO2-.

O seguinte paso é apostar no comercio local, “mercar máis nas tendas locais, en comercio xusto”, engade, porque deste modo “ademais de axudar o comercio local e a nosa contorna, tamén evitamos a contaminación que se produce durante os transportes”. Outra opción que nos propón Marie é recorrer aos mercados de segunda man, “o que está realmente ben, porque é reutilizar algo que unha persoa xa non quere e ademais sae moito máis barato.”

O máis axeitado é escoller produtos con envases retornábeis, reutilizábeis ou reciclábeis procedentes de agricultura e gandaría responsábeis co medio

Cando merques procura evitar produtos con excesivas embalaxes, “o máis axeitado é escoller produtos con envases retornábeis, reutilizábeis ou reciclábeis procedentes de agricultura e gandaría responsábeis co medio ambiente”.

Produtos do país

No tocante á comida, o máis aconsellábel é mercar produtos frescos e do país e que estean etiquetados en galego, “é importante fixarnos na orixe do produto, porque moitas veces veñen de moi lonxe e esa viaxe é moi custosa a nivel medioambiental. Ademais, non sabemos como se realizou a produción (como é o caso, por exemplo, de lagostinos, gambas, etc.)”. A nivel de consumo alimenticio tamén hai outro serio problema cos excesos, por conta da cantidade de comida que se acaba botando ao lixo despois dos xantares, ceas e demais... “debemos ser responsábeis e preparar o xusto para non tirar tantos alimentos ao lixo, porque é unha pena”.

debemos ter ollo ao regalar animais e plantas

Para os regalos, “se prefires agasallar cosméticos, perfumes, etc., tenta que sexan ecolóxicos”, mais tamén podes recorrer a produtos de artesanía galega. Non obstante, un agasallo non ten por que ser un obxecto, tamén podes crear os teus propios regalos e ser máis orixinal, “mesmo podes agasallar cunha tarxeta de socio de ADEGA”. Por outra banda, debemos ter ollo ao regalar animais e plantas, pois “a xente habitualmente non pensa se o destinatario vai ser responsábel e coidar ben da mascota ou se as plantas son invasoras... Se decides regalar un animal a mellor opción é adoptar, sempre.”

Pensando nos xoguetes, temos a opción de recorrer a brinquedos artesanais, sen pilas, que estimulen a creatividade, “sempre privilexiando un tipo de produción sostíbel e aforrando envoltorios que son realmente innecesarios”. É preciso que as crianzas teñan brinquedos alternativos, máis comprometidos e respectuosos co medio ambiente, por iso debemos “ter en conta a procedencia dos xoguetes e vixiar os materiais de que están feitos”. Por exemplo, “evitar na medida do posíbel o plástico, que está feito de petróleo, é un material moi complicado de reciclar”, e “optar por materiais naturais como a madeira, por exemplo, é unha boa alternativa.” Entón, optemos por agasallar xoguetes de tela, de madeira, de cartón… evitando xoguetes bélicos e sexistas e optando por brinquedos que fagan pensar, que sexan instrutivos e pedagóxicos.

En conclusión

Resumindo: 1) Planificar as compras, 2) Apostar no comercio local, 3) Evitar embalaxes excesivas, 4) Mercar produtos frescos, do país e etiquetados en galego, e 5) Crear os teus propios regalos ou agasallar con produtos ecolóxicos, xoguetes artesanais, materiais naturais, sen pilas... Aforro no consumo, na auga e na enerxía, diminución dos residuos, alimentación ecolóxica e saudábel, roupa de algodón orgánico, cosmética natural, doar xoguetes... e, se é posíbel, mercar produtos producidos en Galiza, porque promoverá a economía e reducirá o impacto asociado aos transportes. Unha proposta alternativa cos consellos máis verdes para superar esta festividade.