Arelas exixe a dimisión da nova directora do Instituto das Mulleres por "tránsfoba"

Familias de menores trans concentradas esta terza feira na Coruña. (Foto: Arelas)
Aseguran que Ana Redondo "leva anos practicando abertamente unha campaña de odio cara as persoas trans".

A asociación de familias de menores e mocidade trans da Galiza Arelas concentrouse esta terza feira diante da Subdelegación do Goberno español na Coruña para exixir á Ministra de Igualdade, Ana Redondo, a revogación inmediata de Isabel García como directora do Instituto das Mulleres, nunha mobilización que decorreu de maneira simultánea noutros puntos do Estado español. 

Para Arelas, é "inadmisíbel que unha muller que leva anos practicando abertamente unha campaña de odio cara as persoas trans, e máis nomeadamente contra as mulleres trans negando a súa propia existencia, ocupe un cargo de responsabilidade institucional tan importante". 

Así se refire a asociación á aprobación por parte do Consello de Ministras e Ministros do nomeamento de García como directora do Instituto das Mulleres o pasado 29 de decembro e á súa postura pública contra a coñecida como Lei trans. Un texto lexislativo que contou, durante a súa tramitación, coa oposición frontal do PSOE. "Non podemos tolerar que esta persoa acceda ao seu cargo incumprindo a Lei trans estatal impulsada polo seu propio partido". 

Aumenta lgtbifobia

Segundo a asociación de familias de menores trans, os discursos "transodiantes", como os que din que leva anos practicando García, son os que fan que os delitos de odio cara ás persoas Lgbti aumenten 67%. Uns delitos de odio que Arelas ve no rexeitamento das familias, no acoso escolar, na violencia social e na exclusión, que "cada vez teñen máis cabida pola lexitimación destes discursos". 

Arelas non acepta as "falsas desculpas" de Isabel García dado que, en primeiro lugar, "é obvio que segue pensando o mesmo", e, en segundo lugar, porque "só se producen para manterse no posto".

Así, Arelas exixiron esta terza feira o nomeamento á fronte do Instituto da Muller dunha persoa que "defenda e traballe por todas as mulleres, tamén as máis vulnerábeis como as trans". "Exiximos institucións onde a transfobia e o odio non teñan cabida", concluíron desde o colectivo.