As áreas de Ferrol e Compostela, xunto con Vimianzo, terán restricións de nivel 3 desde mañá

Rolda de prensa do conselleiro de Sanidade para anunciar as restricións.
O Diario Oficial da Galiza (DOG) ratifica este sábado, como xa avanzara a Xunta, que os concellos de Ferrol, Narón e Neda, así como Ames e Teo e a localidade de Vimianzo entran no máximo nivel de alerta, o 3, por coronavirus e sumarán desde a medianoite as novas restricións ao rexistrar indicadores de "alto risco".

As medidas súmanse ás aplicadas desde as 15 horas de onte no ámbito da mobilidade, que queda fechada de forma perimetral, salvo por razóns xustificadas, até o día 3 de novembro, cando se reúne o comité clínico que asesora á Xunta sobre a xestión da pandemia para avaliar a ampliación ou modificación das normas.   

No caso da comarca de Ferrolterra, a adopción de medidas a maiores xustifícase pola "clara tendencia ascendente" na incidencia do virus.

Destaca a Xunta, sobre todo, as taxas acumuladas nos últimos 14 días de Neda e Fene, ademais de Ferrol e Narón, con declaración de casos "diariamente" nos últimos 14 días, nos que a comarca mostra as taxas máis altas no grupo de idade de 20-24 anos, no que a infección pode ser asintomática, o que pode favorecer a difusión do virus se non se toman medidas.

Por outra banda, e segundo fan notar as Autoridades sanitarias,  Fene, Neda, Narón e Ferrol son concellos "cunha convivencia moi estreita entre eles, tanto a nivel laboral como social". "Os catro municipios supoñen unha porcentaxe moi elevada da poboación atendida na área sanitaria de Ferrrol, o que suporía unha sobrecarga asistencial importante no caso de seguir aumentando o número de casos", argumentan.

Para a comarca de Compostela, a Dirección Xeral de Saúde Pública indica que a transmisión da Covid-19 "mantense" e que hai indicadores de brote "en niveis de alto risco" tamén, xunto co feito de que o grupo de idade no que se constatan as taxas máis altas correspóndese coa mocidade (20-24 anos).

A taxa acumulada a 14 de días de Compostela, xunto ás de Ames e Teo, dous municipios de convivencia moi estreita, "recomenda" manter as medidas de prevención específicas xa vixentes na capital galega, e a súa extensión a todo o concello de Ames (tamén estaban en vigor xa en Milladoiro) e a Teo, onde se detectaron novos casos de forma diaria nas últimas dúas semanas.

Tamén en Vimianzo houbo contaxios diarios durante os últimos 10 días, segundo esgrime a Xunta, que incide en que a taxa total da comarca de Terra de Soneira a tres, sete e 14 días alcanzou valores por enriba dos estimados para o conxunto da Galiza nestes momentos.

Medidas a 14 días

Estes municipios afrontarán, ademais, normas máis estritas para actividades de lecer, académicas, relixiosas ou deportivas, equivalentes ao nivel 3 desde este 1 de novembro, que se prolongarán, en principio, durante 14 días como mínimo.

No ámbito das celebracións, o DOG recolle que as posteriores ás cerimonias relixiosas e civís deberán respectar un máximo de 50 persoas en espazos ao aire libre ou de 25 en lugares pechados.

En academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado poderanse impartir clases de forma presencial sempre que non se supere a capacidade de 50% con respecto á máxima permitida.

En canto aos estabelecementos de hostalería, os restaurantes non poderán superar 50% da súa capacidade na zona do comedor para o servizo de comida. Ademais, nos bares e cafeterías non se poderá consumir no interior do local, só en terraza; e as terrazas ao aire libre dos locais de hostalería e restauración limitarán a súa capacidade a 50% das mesas permitidas.

En bibliotecas, museos, monumentos e outras infraestruturas culturais aplicarase un máximo de até cinco persoas nas actividades dos grupos, sexan ou non conviventes, incluído o monitor ou guía, e deberán establecerse as medidas necesarias para buscar a distancia de seguridade entre persoas durante desenvolvemento da actividade, excepto no caso de conviventes.

Así mesmo, en cinemas, teatros, auditorios, circos e espazos similares será de aplicación un límite máximo de 30 persoas para lugares fechados e de 75 se se trata de actividades ao aire libre.

Segundo recolle a nova orde sanitaria, a práctica de actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, sempre que todas as persoas do grupo sexan conviventes, sen contar, se é o caso, a figura de monitoraxe.

Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de até cinco persoas, sexan ou non conviventes, sen contar o monitor e sen contacto físico, e sempre que non se supere 50% da capacidade máxima permitida.

Tamén se poderán realizar actividades de tempo libre destinadas á poboación infantil e xuvenil cando estas leven a cabo ao aire libre, sempre que se limite o número de participantes a 50% da súa asistencia máxima habitual, con máximo de 50 participantes, incluídos monitores. En espazos fechados, o máximo será de 25 participantes.