As áreas da Coruña, Vigo e Pontevedra concentran 6 de cada 10 novos contaxios

Veciñanza de Abegondo asiste ao cribado realizado en no municipio (Foto: Europa Press).

Soben os novos contaxios de Covid a 125 e descenden os hospitalizados a 212

Os novos contaxios de Covid-19 ascenderon con respecto ao principio desta semana até os 125, o que supón 22 máis, mentres que os pacientes ingresados debido a este coronavirus descenderon a 212, dous menos, e os casos activos reducíronse lixeiramente por segunda xornada consecutiva a 3.027.

Así se desprende dos datos actualizados na mañá desta terza feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18:00 horas desta segunda feira, nos que se sinala que descenden a 47 os pacientes Covid en UCI na Galiza, tres menos, e soben a 165 os que se atopan noutras unidades, un máis.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en catro do sete: A Coruña e Cee; Ourense; Ferrol e Lugo; mentres que sobe nas de Vigo, Santiago e Barbanza e Pontevedra e O Salnés.

Por segunda xornada consecutiva esta semana os casos activos de Covid-19 descenderon até situarse nos 3.027, o que supón tres menos que a xornada anterior, ao haber máis altas (127) que contaxios (125), ao que se engade un novo falecido.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden en catro: Pontevedra e O Salnés (-13); A Coruña e Cee (-8); Vigo (-8) e Ourense (-4); mentres que soben nas de Santiago e Barbanza (+20) e Lugo (+10); e mantéñense na de Ferrol.

Así, a de Vigo segue á cabeza con 898 casos activos; séguelle a da Coruña e Cee, con 687; Pontevedra e O Salnés, con 478; Santiago e Barbanza, con 383; Ourense, con 262; Lugo, con 224; e Ferrol, con 95.

En canto aos novos contaxios detectados con calquera tipo de proba aumentaron a 125 despois de iniciar a semana con 103, o que supón 22 máis, após situarse por riba dos 200 varios días a semana pasada.

Galiza confirmou 106 positivos por PCR nas últimas 24 horas, deles 25 na área da Coruña e Cee; 23, na de Vigo; 21, na de Pontevedra e O Salnés; 19, na de Santiago e Barbanza; 13, na de Lugo; catro, na de Ourense; e un, na de Ferrol.

Pola súa banda, a taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- mantense nun 1,7%, e segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Desde o inicio da pandemia pola Covid-19 faleceron na Galiza 2.391 persoas diagnosticadas con este coronavirus. A última vítima notificada, esta segunda feira, corresponde a un home de 62 anos que faleceu o pasado domingo, 2 de maio, no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), e tiña patoloxías previas.