Sanidade exixe a mocidade un "correcto uso das liberdades" para frear a suba de contaxios

O responsábel de área, Félix Rubial, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
O xerente da área sanitaria de Ourense, Félix Rubial, detecta certa "irresponsabilidade" e chama a seguir vixiantes ante unha pandemia que non rematou. Aliás, recoñece que os que máis preocupan son os casos derivados dos primarios, que afectan a entornos familiares ou de lecer.

Ante o incremento indiscriminado de novos casos da Covid-19 entre a poboación galega, o xerente da área sanitaria de Ourense -e en consecuencia representante do Sergas-, Félix Rubial, demandou un "correcto uso das liberdades" neste contexto de preocupación.

Dado o repunte dos positivos por coronavirus hai unha preocupación xeneralizada na comunidade sanitaria. Tanto é así que o responsábel da área ourensá, Félix Rubial, comentou de forma pública que na súa demarcación abeiran os 200 casos activos, unha situación "que non se producía desde hai varias semanas".

Por exemplo, nesta cuarta feira a suba foi de 43 persoas infectadas. O representante fixo especial fincapé no perfil das e dos novos doentes: é o de persoas "moi novas a través das cales están a comezar a producirse casos secundarios en contornas familiares ou de lecer".

"Os casos derivados dos primarios son os que nos preocupan", reflexionou, malia asegurar que a vacinación vai ben e que está perto de chegar ao 60% da poboación coa inmunización completa.

Con todo, puxo o foco na porcentaxe de poboación que aínda está sen vacinar. "É relevante, non temos inmunidade de grupo e por tanto a transmisión do virus pódenos dar sorpresas", advertiu.

Comportamentos irresponsábeis

Por iso mesmo, pediu a todas as e os galegos, pero en especial á mocidade, o "correcto uso das liberdades" para evitar unha nova onda da pandemia pois agora detecta certa "irresponsabilidade". Lembrou que "o virus segue aquí e hai que seguir mantendo as medidas".

En concreto, na área de Ourense o 50% actuais son de persoas menores de 30 anos e o 70% de menores de 40. Malia que isto pode implicar unha menor afección do virus, quixo remarcar que ninguén está libre de ir a peor. Ademais, chamou á responsabilidade polas familias.

"Non podemos deixar de bracear cando está a costa á beira", dixo, demandando "as mesmas medidas, a mesma prudencia e a mesma colaboración social". Rubial sostivo que "a chave" de se as autoridades son quen de "parar a transmisión dalgunha maneira" verase nos próximos días.