A área de Pontevedra e O Salnés suspende intervencións ante o aumento da presión pola Covid

Hospital Montecelo (Imaxe: Europa Press)
Todo isto sucede, segundo puntualizou o coordinador de hospitalización  Covid, pola circulación da variante  ómicron.

A área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés decidiu suspender esta semana intervencións cirúrxicas debido ao aumento da presión asistencial pola pandemia da Covid-19.

Así o explicou aos medios esta terza feira o coordinador de hospitalización  Covid e xefe de servizo de Aparello Dixestivo da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, Juan  Turnes Vázquez. Aínda que comentou que os datos de hospitalización a data desta terza feira "son moi parecidos" aos da semana pasada, con 38 ingresados nos hospitais Montecelo e o Provincial e cinco no Salnés pola  Covid, hai dous pacientes máis en UCI e "o perfil é algo diferente".

Neste sentido, detallou que 9 dos 38 ingresados en  Montecelo e en Provincial non están vacinados, cando a semana pasada os non inmunizados hospitalizados eran "dous ou tres". E, ademais, resaltou que a idade media dos ingresados en UCI e noutras unidades convencionais por este coronavirus esta semana "é máis baixa", tras ir "baixando ao longo desta semana".

Turnes Vázquez puntualizou que o incremento de dous pacientes en UCI pola  Covid "está a empezar a producir  distorsións no funcionamento do hospital"

Turnes Vázquez puntualizou que o incremento de dous pacientes en UCI pola  Covid "está a empezar a producir  distorsións no funcionamento do hospital" e subliñou que "un dos primeiros puntos afectados é a actividade cirúrxica".

"Está a reducirse esta actividade", admitiu, porque algúns pacientes necesitan cama de coidados intensivos "e están moi presionadas nos últimos días" por pacientes con coronavirus.

Así mesmo, detallou que a actividade de Atención Primaria aumenta ao haber máis casos de  Covid, así como maior demanda en urxencias hospitalarias, polo que "a repercusión da pandemia na última semana aumentou na área" pontevedresa.

“Focos con máis presión”

Iso levou a que esta área sanitaria focalice as medidas de intervención, non en abrir máis camas  Covid, "senón en actuar sobre os focos con máis presión como urxencias, coidados intensivos e primaria", explicou.

Todo isto sucede, segundo puntualizou o coordinador de hospitalización  Covid, pola circulación da variante  ómicron. En concreto, explicou aínda que os síntomas destes poidan ter "maior levidade", ao contaxiarse máis persoas, "van requirir máis asistencia", o que leva a unha "maior saturación" en Atención Primaria e en Urxencias. "Aínda que o número de ingresos é inferior, ao final crece ao haber máis contaxiados", sentenciou.