Arden 80 hectáreas no comezo da tempada de alto risco de incendios
A Consellaría do Medio Rural deu na tarde desta cuarta feira por controlado un incendio no municipio da Mezquita (comarca de Viana), na parroquia de Chaguazoso, que afecta arredor de 30 hectáreas.
Segundo detallou este departamento da Xunta da Galiza, o incendio, que se orixinou contra as 19.46 horas da terza feira, quedou controlado ás 17.13 horas da xornada desta cuarta feira. Para a súa extinción tivo quer mobilizarse un amplo dispositivo composto por tres técnicos, oito axentes, 15 brigadas, nove motobombas, unha pa, cinco helicópteros e sete avións.
Ademais, Medio Rural deu por controlado outro fogo forestal no municipio de Lousame (comarca de Noia), na parroquia de Tállara, que afecta unha superficie semellante á queimada na Mezquita.
O incendio comezou sobre as 5.34 horas da madrugada da terza á cuarta feira e foi sobre as 18.26 horas desta cuarta feira cando a Consellaría informou de que xa estaba controlado. Neste caso actuaron 18 brigadas, 12 motobombas e catro helicópteros.
Tempada de alto risco
Os dous primeiros grandes incendios deste verán na Galiza chegaron poucas horas despois de comezar de forma oficial, na terza feira, a tempada de alto risco de incendios. Ese mesmo día dous lumes forestais arrasaron perto de 22 hectáreas en Monforte (Terra de Lemos), e os primeiros indicios apuntan a unha posíbel intencionalidade.
Un período que se estenderá até finais de setembro e para o que a Xunta da Galiza, a través do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga), fixou como obxectivo que ardan menos de 18.555 hectáreas no conxunto do país.
Un total de 7.000 profesionais estarán dispoñíbeis para combater o lume na época de alto risco, ademais dunha trintena de medios aéreos e 380 motobombas. En concreto, os medios aéreos mantéñense en 30 en época de alto risco. Serán 20 da Xunta –14 helicópteros e seis avións de carga en terra– e entre nove e dez aeronaves do Estado –cinco delas, avións–.
O total de persoal que se recolle no Pladiga é de 5.199 persoas para a campaña de verán –entre medios propios da Xunta, Estado e municipios–, o que se traduce en 21% que en 2024, xa que o global de entidades municipais locais diminúe de 1.995 a 1.968.