Baixo Miño

Arden 21 coches no centro histórico de Tui após detectarse até seis fogos durante a madrugada

Un dos vehículos calcinados en Tui. (Foto: Europa Press)
O alcalde asegura que non foi un acto de "vandalismo", senón un feito "premeditado".

Un total de 21 coches arderon na madrugada desta segunda feira en Tui (Baixo Miño) após rexistrarse no mínimo seis puntos de fogo en diferentes zonas do centro histórico do municipio. Tal e como informaron fontes do Concello e do 112-Galiza en declaracións recollidas pola axencia Europa Press, foi minutos antes das 4 horas mañá cando se tivo constancia do primeiro lume. A persona que chamou aos servizos de emerxencias indicou que había tres vehículos ardendo na praza da Armada.

A partir de aí, o 112 comezou a recibir un "goteo constante" de chamadas desde diferentes rúas da zona vella describindo un escenario similar. Minutos despois, outro alertante aseguraba que un automóbil ardía moi próximo a unha casa, afectando as chamas ao inmóbel, que queimaron unha xanela, unha porta e un canlón de recollida de auga.

Por todo iso, deuse aviso a efectivos de emerxencias galegos como portugueses, mobilizándose os Bombeiros de Valença e os do Baixo Miño e Ponteareas, alén do GES de Mos e persoas voluntarias de Protección Civil de Tui, de Salceda e de Tomiño.

Após apagar os incendios á primeira hora desta mañá, agora son os axentes da Policía Local e da Garda Civil os que recollen información para esclarecer o ocorrido de madrugada. O operativo tamén contou co apoio das autoridades do Concello de Tui.

"Eran unhas chamas moi vivas. Tiveron que botarlle algo proque os coches arderon moito e moi rápido", sinalou Arturo Martínez, veciño da zona que axudou a retirar un vehículo cunha corda para evitar que o fogo se propagase. "Eu pensaba que estaba a arder unha casa", apuntou Miguel Botelo, outro veciño que saíu á rúa cando escoitou varias deflagracións.

"Foi premeditado", asegura o alcalde, Enrique Cabaleiro, que convocou unha reunión de urxencia no Concello

Precisamente o alcalde, Enrique Cabaleiro, cualificou os feitos de "gravísimos" ao tratarse dunha "auténtica traxedia". En declaracións a Europa Press, indicou que non foi "vandalismo", senón un feito "premeditado", xa que se queimaron a práctica totalidade dos vehículos aparcados nas prazas habilitadas no casco histórico.

Aliás, lamentou que ao tratarse de rúas estreitas isto dificultou a acción dos medios de extinción. Por todo iso, ás 12 horas desta segunda feira convocouse unha xunta de portavoces local e está prevista a visita da subdelegada do Goberno español en Pontevedra, Maica Larriba, á localidade.

Cabaleiro pediu colaboración cidadá para que todo aquel que vise un comportamento "estraño" durante a madrugada desta segunda feira proceda a denuncialo ante as autoridades para tratar de saber quen puido causar todos estes incendios.

Tamén desde o BNG de Tui trasladaron a súa "máis enérxica repulsa" cara a estes feitos e trasladaron a súa "solidariedade" a todas as persoas afectadas.