Arde por completo un restaurante en Ribeira

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)
O incendio, ocasionado nun local da parroquia de Olveira, non causou danos persoais.

Un restaurante ardeu en Ribeira (O Barbanza) sen causar danos persoais, malia que as instalacións, construídas en madeira, quedaron calcinadas por completo. As alertas sobre este incendio entraron na central telefónica do 112-Galiza moi perto das 2 horas da madrugada desta terza feira a través de distintas canles.

Alén de particulares que estaban pola zona e foron testemuñas da situación, os xestores do 112 tamén recibiron un aviso da Policía Local, indicando que ardía un restaurante dunha zona de acampada do lugar dos Agueiros, na parroquia ribeirense de Olveira.

O 112 coordinou un operativo que contou coa intervención dos Bombeiros de Boiro e de Ribeira, así como da Garda Civil e da Policía Local e Nacional. Aliás, avisouse tamén o persoal do distrito forestal da zona, así como á empresa subministradora de electricidade e tamén aos membros de Protección Civil de Ribeira.

Os servizos de extinción encargáronse de controlar e apagar as lapas, que queimaron por completo o estabelecemento hostaleiro. Ao fío das 5.30 horas deron por finalizadas as tarefas de arrefriado do local, aínda que indicaron a posibilidade de seguir revisando ás instalacións ao longo desta terza.

Incendio nun silo

Por outra parte, os Bombeiros de Carballo extinguiron un incendio que tivo lugar nun silo dunha fábrica de materiais de construción localizada no polígono de Lendo, no concello da Laracha (Bergantiños), sen que se rexistrasen danos persoais. O sinistro comezou sobre as 22.20 horas da noite da segunda feira, tal e como indicou unha persoa particular que alertou mediante unha chamada ao 112.

Durante a súa comunicación, indicaba que, cando se desprazaba pola AG-55, viu como saía fume dunha fábrica da zona. Con esa información, os xestores do 112 pasaron aviso os Bombeiros de Carballo, á Garda Civil, ao servizo de mantemento das estradas e, como medida de precaución, tamén ao equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aínda que non foi precisa a súa intervención.

O equipo de extinción fixo fronte ao incendio, que consumiu o carbón almacenado nun silo exterior. O 112 tamén informou do ocorrido ás autoridades ambientais da Xunta e os efectivos de Protección Civil da localidade.