Arden varios vehículos de forma case simultánea en Santiago

Un vehículo calcinado. (Foto: Nós Diario)
Por outra parte, este sábado foi enviado a prisión o home detido por incendiar varios coches nunha empresa de aluguer de vehículos a pasada quinta feira tamén na capital galega.

Nas últimas horas, varios vehículos víronse afectados polas chamas tanto en Santiago de Compostela, onde durante a madrugada arderon catro turismos estacionados —por mor duns fogos que poderían ser intencionados— e na mañá do sábado resultou calcinado outro nos Tilos, como na Autovía do Barbanza, onde o incendio dunha furgoneta causou retencións.

Os bombeiros do parque de Santiago sufocaron sobre as 3.30 horas da madrugada deste sábado un incendio rexistrado nun turismo estacionado na rúa de Cracovia.

Cando concluían co operativo, tiveron coñecemento de que había outros tres coches ardendo nunha zona próxima, no Camiño da Ameixaga. Todos resultaron calcinados.

Xa pola mañá, sobre as 11.30 horas, dábase a voz de alarma por un turismo ardendo na parte alta da urbanización dos Tilos, nas proximidades do cruzamento cara á estrada de Cacheiras. Tamén os Bombeiros de Santiago participaron na extinción das chamas, que calcinaron por completo o vehículo.

E sobre as 13.30 horas a DXT alertaba da necesidade de circular con precaución no quilómetro 30 da AC-11, a Autovía do Barbanza, nas proximidades da Pobra do Caramiñal, onde se declarou un incendio nunha furgoneta que ocasionou retencións na zona.

Prisión para o acusado de incendiar varios coches nunha empresa de aluguer de vehículos en Santiago

Por outra parte, a maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago, en funcións de garda, decretou este mesmo sábado o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza do home detido por incendiar varios coches nunha empresa de aluguer de vehículos de Santiago. Investígaselle por delitos de incendio, lesións e furto.

O suceso ocorreu na tarde desta pasada quinta feira, despois das 20 horas, cando un particular chamou ao 112 para alertar de que ardían varios coches nunha empresa de aluguer situada en Sabugueira, no lugar do Noval. Segundo a versión deste home, tratouse dunha acción intencionada por parte dunha persona que entrou no estabelecemento e mantivo unha discusión co propietario.

O lume, que comezou nun dos vehículos, propagouse rapidamente a outros dous estacionados nas proximidades. Á súa chegada, os bombeiros procederon a extinguir o incendio e a refrixerar a zona.

Fontes policiais confirmaron que se producira un altercado entre varias persoas previa ao incendio. Cando os axentes se desprazaron á zona atopáronse co lume, que afectaba tamén unha vivenda próxima. As persoas que se atopaban no interior da casa tiveron que ser desaloxadas.