O incendio na conserveira Jealsa queima 11.000 metros de superficie

Imaxe do incendio desatado na conserveira Jealsa ao mediodía do sábado. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Os servizos de extinción continúan na mañá deste domingo cos labores de arrefriado do perímetro das instalacións da conserveira Jealsa, en Boiro (A Coruña), afectada por un incendio que leva calcinados 11.000 metros cadrados de superficie.

Segundo información do 112 Galicia, as tarefas de apagado deste lume industrial, declarados ao redor das 14.30 horas do sábado, prolongáronse durante a madrugada do domingo debido aos focos que aínda quedaban activos.

Por parte da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), desprazouse até o lugar o Grupo de Apoio Loxístico (GALI) para actuar sobre o terreo con drons cos que avaliaron os danos provocados polas chamas

O incendio declarado nas instalacións que da conserveira Jealsa na parroquia de Abanqueiro, no municipio de Boiro e que afectan á cámara frigorífica da factoría deuse por controlado arredor das 20.30 horas deste serán.

A veciñanza retornou ás súas casas e os efectivos de extinción continúan a traballar para apagar o incendio por completo. Desaloráronse en total 25 vivendas da contorna e 60 persoas foron evacuadas debido ao fume por precaución

Os efectivos que integran o operativo de extinción posto en marcha a raíz do incendio declarado nas instalaciones da conserveira tratan de evitar que o lume afecte os depósitos de amoníaco e a zona de produción da factoría.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, desprazado á zona compareceu ante os medios xunto ao director xeral de Jealsa, Cristóbal Valdés, para dar conta da situación.

Segundo explicou Rueda, "uns 16 ou 18 vehículos" e "máis de 50 efectivos" participan nos labores de extinción das chamas e detallou que, se está a actuar por "terra, mar e aire". Hai "dúas zonas sensíbeis" que son a área de "produción", así como a zona na que se sitúan uns depósitos de amoníaco e o "problema engadido" desde o punto de vista ambiental que podería supor que estes ardesen.

O director xeral de Jealsa, Cristóbal Valdés explicou que até o momento ardeu a "parte traseira" das instalacións, a zona de "expedición de peixe" mentres que a propia planta "non está afectada".

Así mesmo, incidiu en que, nestes momentos, se traballa para protexer as zonas máis sensíbeis e atallar as chamas "canto antes", coa prioridade da protección dos traballadores e da contorna.

Dito isto, avogou por esperar a ver como avanza a situación para facer unha valoración dos danos. 

Segundo informou a Europa Press o alcalde de Boiro, José Ramón Romero,  o vento sopra de forma favorábel, en dirección contraria ao eixo central da fábrica, onde se atopan as cámaras frigoríficas. Por iso, confía en que as chamas "non afecten ao resto das instalacións".

O rexedor declarou que se uniron aos labores de extinción medios aéreos. Ademais, polo  momento non foi preciso o desaloxo de ningún veciño das casas máis próximas á zona, separadas da factoría por unha estrada.

Romero sinalou que se empeza a observar unha "melloría" na situaicón, toda vez que o vento é "favorábel" á extinción, se ben se agarda que esta situación meteorolóxica poida experimentar cambios nas próximas horas.

Tamén apuntou que se prevé que os efectivos do operativo de emerxencias continúen toda a noite no lugar para arrefriar a zona.

O 112 vén de informar que solicitou a intervención dos bombeiros de Borio, Ribeira e Ribadumia, así como do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Noia e dos efectivos de Protección Civil de Boiro.

Tamén se mobilizaron equipos de Salvamento Marítimo e dos Garda Costas de Galiza, así como da Policía Local e da Garda Civil.

Fontes da Xunta informaron de que ao lugar se desprazou o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, para seguir a evolución.

A intensa fumareda provocada polas chamas declaradas nas instalacións situadas no fondo da ría pode verse desde diversos puntos da contorna.

Segundo a información chegada a través da axencia Europa Press, fontes municipais comunicaron que as chamas se detectaron arredor das 14.30 horas e no momento desprazáronse até o lugar os Bombeiros do municipio e efectivos de protección Civil.

As primeiras hipóteses, segundo puido saber Nós Diario, achacan o incendio ao fallo nun transformador da conserveira.

Jealsa produce a día de hoxe as conservas e produtos alimenticios das marcas Rianxeira, Escurís,Robison Crusoe, Mare Aperto, Pet Select e Valera. Fundada en 1958 por Jesús Alonso Fernández, tamén industrial do téxtil, constituíuse en 1974 como sociedade anónima baixo o nome Jesús Alonso, S.A. (Jealsa).

A fábrica de Boiro é a sede de Jealsa e desde ela centralízase o proceso de elaboración de conservas.

Jealsa chegou a converterse no primeiro fabricante de conservas do Estado español e o segundo de Europa, desde a fusión con conservas Escurís, outra das conserveiras familiares do Barbanza.

A preocupación dos sindicatos

O sindicato Confederación Intersindical Galega (CIG) e o comité e empresa da marca Escurís, integrada en Jealsa, solidarízanse coas compañeiras e compañeiros do grupo empresarial.

Nun comunicado enviado aos medios, a CIG manifesta a súa preocupación polas consecuencias que pode ter para o emprego o incendio declarado este sábado. A central sindical demanda da Xunta o compromiso de que se  adoptarán as medidas necesarias para garantir todos os postos de traballo.

A CIG salienta que son máis de 1.000 os empregos nesta conserveira da que ten unha grande dependencia a economía da comarca.

A Unión Intercomarcal de Comisións Obreiras (CC.OO) de Santiago-Barbanza fixo chegar aos medios a súa preocupación polas consecuencias do incendio.

O secretario xeral comarcal de CC.OO, Joaquín García, sinalou que “polas noticias que temos polo de agora, non habería que lamentar desgrazas persoais”.

Tanto García como o secretario xeral de CC.OO de Galicia, Ramón Sarmiento, trasladaron o seu apoio aos traballadores e ás traballadoras de Jealsa, así como aos profesionais dos diferentes equipos de prevención e extinción mobilizados no lugar.