Arde unha casa abandonada en Carral na que había dúas persoas que resultaron ilesas

Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press)
O inmóbel quedou consumido totalmente polas lapas.

Efectivos do servizo de Bombeiros sufocaron o incendio declarado nunha casa abandonada de Carral (comarca da Coruña) na que, no momento de iniciarse o lume, había dúas persoas que lograron saír ilesas. O suceso tivo lugar minutos antes das 21 horas desta quinta feira nunha vivenda situada na estrada N-550 na zona de Tabeaio, segundo informou a central de emerxencias do 112-Galiza esta sexta.

Até o lugar mobilizáronse os Bombeiros de Ordes e Arteixo, que lograron controlar as chamas contra as 22 horas e sufocar o incendio unha hora máis tarde. O inmóbel, de dúas plantas e construído no seu interior de madeira, ardeu por completo. A zona quedou balizada para evitar situacións de risco.