Un arcebispo galeguista fica á fronte da sé compostelá

Francisco José Prieto, comparecendo o pasado sábado, día 1, como novo arcebispo. (Foto: Diocese de Santiago)
Francisco José Prieto vén de ser designado novo arcebispo de Compostela. O prelado destaca pola súa sensibilidade galeguista e pola súa proximidade ás teses do papa Francisco. A súa elección non estivo exenta de tensións entre as distintas correntes da Igrexa.

Francisco José Prieto, coñecido popularmente entre os fieis e os seus alumnos do seminario de Ourense como Don Paco, non desaproveitou o seu primeiro acto como arcebispo para marcar terreo. Na súa primeira comparecencia pública após ser designado como máximo responsábel da sé compostelá, empregou o galego para dirixirse aos medios de comunicación e explicar os propósitos do seu mandato.

Uso do galego

A utilización da lingua do país non é habitual entre as altas xerarquías eclesiásticas. A este respecto, o novo arcebispo de Compostela rompeu coa tradición dos seus antecesores na diocese galega e sorprendeu todos aqueles que descoñecían a súa traxectoria. Neste sentido, persoas próximas a Francisco José Prieto consultadas por Nós Diario destacan o seu compromiso coa lingua e coa cultura galega. Prieto (Ourense, 1968) desenvolveu os seus estudos eclesiásticos en Ourense, Roma e Salamanca e desempeñou a súa actividade como crego en diversas comarcas rurais e no seminario e instituto teolóxico de Ourense. Porén, a súa carreira deu un importante salto adiante en 2021, cando foi nomeado bispo auxiliar da diocese de Compostela polo papa Francisco.

A súa proximidade ao actual pontífice foi decisiva na súa elección como bispo auxiliar así como na súa designación como arcebispo de Compostela. Neste sentido, nunca agochou a súa coincidencia coas teses do papa Francisco, chegando a afirmar que “é o papa que precisamos agora, para ser unha Igrexa que saiba acompañar, de rostro amábel, samaritano e acolledor”.

Carrasco e Lemos

Os sectores máis conservadores da Igrexa, enfrontados á liña actual do Vaticano, promoveron candidaturas diferentes á de Prieto. Estes grupos, con moita forza na Galiza e dirixidos desde a sombra polo cardeal Rouco Varela, apostaban para arcebispo de Compostela polo bispo de Lugo e sobriño de Rouco, Alfonso Carrasco, ou polo bispo de Ourense, Leonardo Lemos.

Alfonso Carrasco Rouco, nomeado bispo ao tempo que o seu tío dirixía con man de ferro a Igrexa estatal, pasa por ser un dos prelados máis integristas do Estado, como demostra o seu apoio ao ultracatólico Camiño Neocatecumenal, cuxos membros son coñecidos como 'kikos', tomando o nome do fundador, Kiko Argüello. Leonardo Lemos Montanet fai parte do Opus Dei e debe a súa designación como bispo de Ourense a Rouco Varela, a cuxo carón se forma en Compostela, e a Luís Quinteiro, antecesor na sé ourensá.

Prieto non ten un camiño doado por diante. Na súa contra, xoga a actual correlación de forzas na Igrexa galega, onde a totalidade dos bispos, agás o prelado de Mondoñedo, Fernando García Cadiñanos, atópase en posicións diferentes ás do papa Francisco. Outro tanto acontece con boa parte do clero da diocese de Compostela, onde o pouso de Rouco Varela e dos seus sucesores continúa moi vivo.