De árbores protexidas cortadas a cruceiros danados: cando o palco da orquestra ten que coller si ou si

O cruceiro máis antigo de Galiza posto en perigo por un concerto da Panorama, o do Porto (Pontecesures) crebado polo escenario da Olympus, varias árbores protexidas en Malvas cortadas para que collese o camión da orquestra, un paseo peonil á beira da praia danado ao ficar atascados os camións da París de Noia... Algunhas verbenas teñen un custo máis alto do agardado.

A noticia de que un concerto da Panorama en Melide puña en perigo o cruceiro máis antigo de Galiza, do século XIV, axiña se estendeu por todo o Estado e permitiu poñer o foco sobre un abano variado de temas, desde o grao de protección do patrimonio galego até resucitar diferentes tópicos sobre os galegos e a cultura das verbenas.

 

Un puntal que se colocou como soporte do escenario da Panorama riba dun dos chanzos da plataforma do cruceiro foi o motivo, nesta ocasión, da preocupación polo dano a un elemento patrimonial único. Mais non foi esta a única vez que en Galiza un cruceiro ‘sufriu’ como consecuencia dunha verbena.

 

Patrimonio impuxo a veciños da parroquia de Malvas (Tui) 6.000 euros de multa por cortar árbores protexidas para facilitar o paso ao camión da Panorama

 

Aí está, por exemplo, o que lle sucedeu ao cruceiro do Porto, en Pontecesures, hai xa máis dunha década. O cruceiro que tantas festas, romarías e verbenas presidiu con orgullo resultou gravemente danado pola grúa da orquestra Olympus, que bateu contra a parte superior do mesmo, provocando que esta caese e partise en tres partes, que foron retiradas do campo da festa en carretilla (pesaban ben) para seren reparadas.

 

Mais non só os cruceiros se ven afectados pola maquinaria e tarefas que implicar montar unha boa verbena. En xaneiro deste ano coñecíase que Patrimonio impuxera a veciños da parroquia de Malvas (Tui) por volta de 6.000 euros de multa. O motivo? Que en 2016 cortaran árbores protexidas para permitir o paso ao camión da Panorama.

 

Algo semellante decorreu en 2011 en Negreira. Para facilitar o acceso da Olympus procedeuse a cortar unha “árbore única” que había no colexio O Coto. O suceso provocou mesmo recollida de sinaturas para exixir responsabilidades.

 

E esta fin de semana, en Ponte Caldelas, para que entrase o palco da París de Noia optouse por podar as ponlas das árbores.

 

En agosto de 2017 a París de Noia tivo que suspender o seu concerto en Vilagarcía despois de que os seus camións ficasen atascados na area da Praia de Compostela. Os vehículos provocaron diversos danos —enlousado roto, boquetes…— neste paseo á beira do mar, danos dos que levantou acta a Policía Local e pouco mais, pois os tráileres tiñan autorización de Costas para pasar por esa zona prohibida ao tráfico rodado.

 

O cruceiro do Porto, en Pontecesures, resultou gravemente danado pola grúa da orquestra Olympus

 

Noutro saco moi distinto irían xa aquelas consecuencias ou efectos da verbena segundo para que persoas. Un exemplo: este ano un veciño de Lugo presentou unha reclamación perante o Concello por “danos á miña saúde e á das persoas que viven comigo” polo ruído das orquestras na verbena das Festas do barrio da Ponte.

 

Porén, hai que ter en conta que en Galiza hai —segundo un estudo da Universidade de Compostela realizado en 2012—por volta de 2.400 festas con verbena e máis de 5.700 actuacións. Así pois, os danos ou incidencias para co patrimonio ou bens culturais e ambientais danse nunha porcentaxe moi pequena mais os seus prexuízos, cando se producen, poden ser irreversíbeis.