Araceli Macías: "Nin as urbes están tan sensibilizadas coa igualdade, nin o rural é tan machista"

Araceli Macías, educadora social (A.M.)

Desde o teito da Galiza, as terras de Trevinca, Araceli Macías traballa para facilitar que haxa actividades no seu concello: A Veiga. Como profesional da educación social experta en temas de igualdade, parte da base do dereito a vivir no rural desde unha perspectiva de xénero. Asegura que as dificultades que teñen as mulleres dos municipios pequenos non son moi diferentes ás que poden ter nas cidades, mais o despoboamento e a falta de servizos crean día a día un maior desequilibrio. Este mes realiza un Laboratorio antiprincesas coa colaboración da Anpa do colexio.

Cal é o papel que ten unha educadora social nun municipio?

Servir de nexo entre a poboación, a Administración, os recursos e a educación. Acceder a actividades ou adaptar os recursos. Non tanto educar como se entende nunha escola tradicional, mais acompañar  procesos educativos. Nun municipio rural é moito máis importante porque os procesos educativos son menores, hai menos opcións e vólvese máis necesario. Xogamos co papel de estar perto, de que nos coñecemos, polo que é moito máis sinxelo.

Realizou un traballo sobre equipamentos sociocomunitarios e o seu uso poñendo como exemplo A Veiga. Cales foron as conclusións?

Que tiñamos equipamentos dunha calidade excelente mais non hai un movemento veciñal forte nin un nivel de participación alto que  os use. Non hai programación. É un despedicio de recursos. Hai vocación de seguir creando máis. En realidade son un espazo de participación e se non ten unha dinamización por unha persoa técnica é moi difícil que reverta na poboación.

Seguir construíndo cando en moitos casos non hai un fin, unha necesidade á que dar resposta. A vida no rural é igual que nunha cidade, seguimos tendo necesidades, lecer, servizos sociais mais cunha poboación máis pequena.  

Minusvalórase o traballo dunha Educadora social?

Semella que como xa temos unha traballadora social xa está cuberto e son perfís diferentes. Hai moita confusión e intrusismo. Non hai unhas limitacións claras desde a Xunta de cales son as funcións para a profesión. Unha psicóloga pode facer as funcións dunha educadora social, mais ao revés non. 

Estes días realiza un laboratorio antiprincesas. En que consiste?

Era un proxecto para a Anpa mais colleunos a pandemia. Decidimos facelo como actividade de verán. Na Veiga hai poucas cativas e no grupo que hai van dos 6 aos 11 anos, algo común aquí xa na escola. Explícolles que nun laboratorio un experimenta, manipula coas mans, un traballo persoal. Aprenden a traballar en equipo e dánse conta do seu comportamento.

Fixemos un minimundo nunha caixa de cartón e deseñar personaxes, falándolles eu en feminino todo o tempo. Iso chámalles moito a atención e preguntan. Desde pequenas xa aprenden que o mundo non escribe nin se fala en feminino. Estratexias de xogo que conviden á reflexión.

Hai diferenzas en temas de igualdade entre o rural e as grandes vilas ou cidades?

Creo que non. Vivimos nun mundo que é patriarcal, machista e ese mundo é rural e urbano. Adopta a forma que precise no lugar que habite para sobrevivir. As formas serán distintas. Hai contextos máis académicos, formas e o machismo é máis sutil. Logo hai outros contextos que se prestan á evidencia, como unha conversa de bar. Fálase do rural atrasado, moi machista con traballos moi regulados. Nada que ver. Nin as urbes están tan sensibilizadas nin o rural é tan machista.

Tamén realizou un traballo sobre o dereito a vivir no rural desde a perspectiva de xénero. Que descubriu?

Comparei mulleres de Valdín coas dunha comunidade indíxena de Nicaragua. O mito do matriarcado, a idea dun rural idílico mais con falta de recursos. O duro que é envellecer nun lugar sen unha sanidade digna, por exemplo.