"Aquí quedou todo arrasado, completamente calcinado. Pero para o ano, volverá arder, xa verás"

Imaxes: Irene Pin

O incendio que afecta San Xoán de Fecha, Compostela, obrigou esta cuarta feira a evacuar a veciñanza de lugares como o de Vilar do Rei. Falamos con eles ao día seguinte, mentres fan balanzo do sinistro ao tempo que se manteñen atentos a calquer indicio de rebrote do lume nunha zona onde o fume continúa a saír da terra.

Cando chegamos a Vilar do Rei, unha pequena aldea da parroquia compostelán de San Xoán de Fecha, a 15 minutos en coche da Catedral, a veciñanza está reunida en torno a un tractor con cisterna no medio e medio dun prado queimado. Irrompemos cando están a repartir tarefas para se dirixir a un prado lindante e refrescar con auga o lugar onde teñen unha decena de corticeiras. Andan con présa e non se fían de que o lume non volva. Algúns deles foron evacuados o día anterior, ao atinxir o lume o nivel 2, mais outros negáronse a abandonar a casa, como Santiago e Daniel. “Dixéronnos de marchar e dixen que non, que da miña casa non me saca ninguén”, afirma Santiago. El e Daniel fixeron fronte, contan, ao lume que desde o monte pasaba a se propagar polos prados “e que se non chegamos a quedarnos aquí, chegarían até as casas”. Outros pasaron a noite na aldea veciña de Lamascal, preocupados polas súas casas, campos e animais.

“Dixéronnos que tiñamos que evacuar e dixen que non, que da miña casa non me saca ninguén”

María, unha veciña da aldea, insiste en que foron os veciños os que lograron que as lapas non chegasen ás casas. Como? “Coa cisterna”, e sinalan a cisterna enganchada ao tractor. Fixo de camión de bombeiros. “Cargámola no pozo contra os incendios”, di referíndose a unha pequena piscina ao pé da aldea. Mais a piscina tiña pouca auga porque perde por algúns sitios. “Hai dúas semanas xa advertiramos que había que arranxar este pozo, porque se perdía auga que podía facer falta para apagar algún lume”. “Ben deitamos”, explican, “dos pozos dosveciños para ter auga de abondo para apagar o lume”.

Dispositivo

Maruxa, á que a impresión do incendio non lle impide vir da leira de apañar unhas patacas, conta que estaba na eira da casa cando veu o fume. “Foi moi rápido, cando nos demos conta xa viña o lume polo monte abaixo”, explica. “Meu xenro e meu neto foron rápido a mollar con auga o camiño para que lume non pasase para aquí, mais as lapas pasaron por riba, saltando de eucalipto a eucalipto”. María afirma que “na miña vida acordo algo como isto. Ten ardido outros anos mais non como este, é un desastre”. Os veciños lembran un incendio na zona hai catro ou cinco anos, mais engaden que na parroquia xa os houbo o ano pasado. “Para o ano vai ser igual, xa veredes”, vaticina Santiago embora que "o monte quedou totalmente arrasado, todo calcinado".

Dispositivo

Tan pronto perceberon o lume alertaron ao 112, lembra Santiago. “Viñeron moitos e miraron de facer algo”, dixo por toda explicación á pregunta de se consideraba que actuaran con rapidez. “Se chega a pasar ás casas... e pouco lle faltou”, afirma Daniel. A onde si chegaron foi á leña e rolos de herba que estaban acumulados nos prados para o inverno. E se ben non queimaron as corticeiras das abellas, unha das preocupacións da veciñanza, si que afectaron aos enxamios. “A moitas ardéronlle as alas, e van morrendo”, lamentan. 

Preguntamos sobre se sospeitan se os incendios son intencionados e todos asinten. “É cousa de política”, bisba Daniel ao tempo que un carro da policía autonómica pasa amodo pola estrada procedente dunha das zonas arrasada polo lume en Vilar do Rei. O monte é veciñal, conta María, e non estaba abandonado, polo menos nas áreas máis cercanas á aldea. “Houbo tres focos distintos”, afirma, que chegaron cercar a aldea.

“Provocado? Claro que si! Isto é todo cousa da política”

500 hectáreas

A Xunta afirma que unhas 500 hectáreas arderon no incendio, que chegou a nivel 2, e que orixinádonse en Fecha propagouse pola noite (houbo refacos de até 100 quilómetros hora) até outros puntos como Roxido e mesmo ao concello veciño, Ames, afectando a montes da zona da parroquia de Ameixenda. Un completo dispositivo estaba operativo nese punto pola mañá desta quinta feira: desde os Bombeiros de Compostela até o exército, pasando polos axentes medio-ambientais da Xunta e a policía local. Estiveron, por quendas, toda a noite a combater o lume, que se mantén na quinta feira no nivel 2 de alerta.