“Aquí antes había unha pintada homófoba”

(Foto: BNG Oleiros)

Restauran en Oleiros a bandeira do arco da vella que foi vandalizada hai uns días no acceso ao IES Miraflores.

Eles vandalizan, nós restauramos. Eis a máxima que seguiu o grupo de militantes nacionalistas de Oleiros que este domingo procedeu a volver pintar a bandeira do arco da vella no acceso ao Ies Miraflores, bandeira que hai uns días foi vandalizada nun acto cualificado polo BNG da localidade como expresión de LGTBIfobia.

“Refacendo de novo o que a intolerancia e o odio á diversidade desfixeron hai uns días. Contra a #LGBTIfobia nin un paso atrás!”, indicaban  nas redes sociais os nacionalistas ao tempo que acompañaban imaxes da restauración da bandeira LGTBI.

Segundo informa o grupo nacionalista do municipio, a semana pasada "foron vandalizadas a bandeira do arco da vella, símbolo da loita pola diversidade afectiva e sexual mais unha mensaxe que dicía 'aquí antes había unha pintada homófoba', na entrada principal do IES Miraflores".

Pintadas homófobas

Tanto a bandeira como a inscrición "contra a intolerancia", foron realizadas por militantes do BNG de Oleiros o pasado 11 de xullo para eliminar varias pintadas homófobas que levaban lixando o muro do principal acceso ao centro escolar desde había varios anos, explicaba a formación local nun comunicado.

Só uns días antes, a entrada doutro instituto de secundaria do municipio, o IES Xosé Neira Vilas de Perillo, sufría outra pintada, tamén de carácter homófobo, aclara.

"O BNG amósase moi preocupado con esta escalada de mensaxes de odio, sen precedentes no noso concello, e máis aínda polos lugares concretos onde aparecen: os centros escolares", motivo polo que animou a veciñanza a participar na acción directa como a que tivo lugar o pasado 11.