Antonio Sangiao

"De aquí a cinco anos vaise disparar o colesterol informativo"

[Imaxe: Marcus Fernández]

A conversa deste domingo no VenhanMaisCinco versa sobre comunicación e o noso interlocutor é o xornalista Antonio Sangiao.

-Como avalías o estado actual da comunicación en Galiza?

 

-Non son un analista cualificado para definir o actual estado da comunicación en Galiza, pero parece bastante evidente que non estamos no mellor momento para este sector. “Malos tiempos para la lírica”, dicían Golpes Bajos, e precisamente son os golpes baixos (e os altos, tamén) os que conducen a estes malos tempos para a prosa informativa. A prensa escrita case que agoniza, a radio e a televisión sofren as inclemencias dos recortes e a prensa dixital, pese a ter o seu público, presenta serios problemas de financiamento. Esta falta de rego trae como consecuencia precariedade empresarial, que se traduce en precariedade laboral, que a súa vez termina en precariedade informativa. É unha receita perfeita para un desastre perfeito. Nembargantes, e pese a este escuro panorama, os medios de comunicación resisten. Quizais máis mortos que vivos, pero aínda están en pé.

 

-Que evolución agardas neste ámbito a nivel galego a cinco anos vista?

 

-A miña bola de cristal hai tempo que quedou sen batería. Por iso agora cústame predicir o futuro, mesmo cando as predicións estean irremediablemente destinadas a fracasar. Se acaso cos seus últimos estertores, a bola de cristal dime que nos próximos cinco anos máis vale que os lectores de xornais en papel inda sigan vivos e sigan indo ao bar (ou que os novos copien de súpeto os costumes dos vellos) e máis vale que os editores dixitais e os produtores de contidos audiovisuais atopen fórmulas novedosas de financiamento, porque se non pintarán bastos. Eu penso que a xente demanda información, necesita a información (máis do que pensa, moitas veces), pero non estou seguro de que sexa capaz de distinguir entre información “sa” de información “lixo”. E como o xogo empresarial céntrase en darlle a xente o que pide, se pide hamburguesas ninguén lle vai dar ensaladas. De aquí a cinco anos penso que imos ver como se dispara o colesterol informativo.

 

Sen galego, Galiza perdería a súa alma. Sería un pobo esmorecido, unha nazón zombi

 

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

 

-A importancia de medios como Sermos quizás non sexa suficientemente valorada polo público xeral. En primeiro lugar, estamos a falar de prensa en galego, unha rareza, case que unha heroicidade, pero sen prensa en galego, sen radio en galego, sen tele en galego, sen literatura en galego… sen todo iso, non habería galego... e sen galego, Galiza perdería a súa alma. Sería un pobo esmorecido, unha nazón zombi.
En segundo lugar, a pluralidade é a base dunha democracia. Sen información plural, sen análises dende distintos puntos de vista da realidade sociopolítica, non habería unha visión de conxunto do que ocorre. Veríamos só un lado da mazá (esa da que falaba Ortega), e no contexto actual, máis que nunca, cómpre ver a mazá por todas partes (e mesmo facerlle un TAC a ver que ten dentro). Neste senso, un medio con personalidade propia e definida como Sermos é imprescindible para garantir esa pluralidade informativa. Tanto ten que concordes ou non coa súa liña: a súa voz, igual que outras voces de tendencias diferentes, é necesaria.

 

Non sei se Sermos poderá sobrevivir neste contexto tan hostil (xa vos dixen que a miña bola de cristal non furrula), pero si sei que debería sobrevivir. Cómpre que o faga, custe o que custe, polo ben da información, polo ben do galego, polo ben do país.