Apuntan a uns labores de roza como causa do incendio que ameazou vivendas en Moaña

A veciñanza axudou a controlar o avance das chamas. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
A alcaldesa, Leticia Santos, agradece o esforzo da veciñanza que se uniu "solidariamente" para sufocar o fogo con caldeiros e mangueiras.

Uns labores de roza puideron ser a causa do incendio que nesta segunda feira ameazou vivendas na parroquia moañesa de Meira e que na mañá desta terza a Consellaría do Medio Rural deu por estabilizado após queimar unha vintena de hectáreas.

Así o notificou en declaracións a Europa Press a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, quen destacou que a situación agora "está bastante controlada". Con base na información que lle trasladou a veciñanza que viu iniciar o fogo e máis os datos achegados polo 112, "sospéitase" que comezou por unha faísca debido a unha roza, a falta de que de se realice a investigación sobre o sucedido, precisou a rexedora.

Aliás, valorou a "coordinación" dos veciños e veciñas que se uniron "solidariamente" para apagar o fogo con caldeiros e mangueiras, á vez que agradeceu as tarefas dos medios de extinción, o que "favoreceu" que se puidese conter o lume e que se evitase "unha auténtica traxedia".

Do mesmo modo, Santos mostrouse "moi agradecida" ao conselleiro do Medio Rural, José González, quen acudiu en persoa ao municipio para seguir as tarefas de extinción.

Así, a situación "estivo tranquila toda a noite", xa que o vento amainou, unha noite durante a cal traballou "unha brigada de perto de 30 persoas", cunhas oito motobombas e varios vehículos para abastecelos.

Alén das tarefas de arrefriado, realizáronse queimas preventivas. Malia que "focos parece que non hai" nesta terza feira, a rexedora sinalou que aínda hai "moito fume". Pola súa parte, resaltou que a Policía Local prestou apoio até as 3 horas da madrugada para guiar as motobombas e indicar os puntos nos que poder cargar auga.

A alcaldesa de Moaña apuntou tamén que non foi preciso desaloxar vivenda ningunha, aínda que moitos veciños e veciñas saíron das súas casas para axudar nas tarefas de extinción. Finalmente, non resultou queimada ningunha casa.