Cancelada a concentración de repulsa esta segunda feira

Apuñalamento na Coruña

A rúa Alfredo Vicenti da Coruña.

Un mozo de 25 anos resultou ferido por arma branca na mañá deste luns na Coruña. A vítima atópase ingresada no Hospital da Coruña (Chuac) e o agresor foi detido. Asociacións de dereitos LGTBI denunciaron nun primeiro intre o suceso como unha agresión homófoba e chamaron a se concentrar en repulsa, mais poucas horas despois cancelaron a convocatoria á espera de que "se aclaren os feitos".

Os feitos aconteceron sobre as oito da mañá deste luns de San Xoán ma rúa Alfredo Vicenti, nas proximidades da praia de Riazor. A policía local acudiu ao lugar e arrestou ao agresor. Unha ambulancia trasladou o ferido ao hospital. Non transcendeu a gravidade das lesións.

O grupo Avante LGTBI axiña emitiu un comunicado en que denuncia a “terríbel agresión homófoba”. “A día de hoxe os espazos de ocio nocturno seguen a excluír as persoas do noso colectivo que, saíndo dos escasos espazos seguros que conseguimos construír, vemos que en calquera momento podemos ser vítimas dunha agresión”, afirmba. Non transcorrera a mañá da segunda feira cando corrixiron o seu posicionamento "para non interromper as investigacións oficiais".