Aproxímanse a 3.000 os casos activos de Covid-19 na Galiza

Unha sanitaria prepara as probas PCR en Monforte, unha das vilas máis afectadas polo coronavirus (Imaxe: Europa Press)

Os casos activos de Covid-19 na Galiza continúan en aumento esta quinta feira, con 141 máis, e sitúanse en 2.939, despois de incrementarse os contaxios en todas as áreas sanitarias.

Así se desprende dos datos actualizados pola Consellaría de Sanidade, que indican que do total de pacientes positivos, 12 seguen en UCI -un menos que onte-, 95 atópanse en unidades de hospitalización convencional -11 máis-, e 2.832 en seguimento domiciliario -131 máis respecto da xornada anterior-.

Dos 2.939 casos activos, 1.304 corresponden á área da Coruña e Cee -29 máis que onte-; 482 á de Lugo -41 máis-; 404 á de Santiago -22 máis- 185 á de Vigo -oito máis-, 179 á de Pontevedra e O Salnés -14 máis-; 266 á de Ourense -23 máis-; e 119 á de Ferrol -catro máis-.

Sanidade sinalou que, até o momento, curáronse 12.183 persoas, 97 máis que a xornada pasada.

Desde o inicio da pandemia morreron con Covid-19 na Galiza 635 persoas, das que 279 eran usuarias de centros residenciais. Destas últimas, 135 afectadas faleceron dentro de centros xeriátricos, a última onte, unha muller de 93 anos en Orpea Culleredo.

Datos das residencias

Do total de 2.939 casos activos 139 están vinculados a centros residenciais, coa relación de 99 usuarios e 40 traballadores.

As persoas infectadas con Covid-19 en residencias aumentaron outros dous casos, un usuario en Culleredo e un traballador en Arnoia.

Dos 99 usuarios contaxiados, 87 corresponden á residencia do Incio, 11 á Orpea de Culleredo e un á DomusVi Lalín. A respecto de traballadores, ademais dos 26 afectados no Incio, hai dous en DomusVi Lalín; catro na Orpea de Culleredo e un en DomusVi Monforte, Paradela, San Bartolomeu de Xove, DomusVi de Barra de Miño (Coles), Volta do Castro (Compostela), Residencia Os Tercios en Touro e Residencia Nosa Señora do Socorro en Arnoia. A eles súmase un traballador da residencia de discapacidades As Flores de Ourense.

O número de PCR realizadas até a data chega a 317.307 fronte ás 312.766 contabilizadas até onte, segundo os datos actualizados por Sanidade.