Así será a universidade privada de Abanca: titulacións solapadas coa pública e exclusión do galego

Un dos campus que conformarán a futura universidade de Abanca. (Foto: Europa Press)
O DOG publica as normas de organización e funcionamento da Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), autorizada ás agachadas pola Xunta e que prevé iniciar as aulas o vindeiro 1 de setembro.
  1. Contratos de aprendizaxe
  2. Exclusión da lingua galega
  3. Ren sobre o claustro
  4. Titulacións solapadas coa pública
  5. O curmán de Escotet será o reitor
  6. Compromiso coa igualdade

O Diario Oficial da Galiza (DOG) recolleu nesta quinta feira as normas de organización e funcionamento da Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), impulsada por Abanca, cuxa autorización por parte do Goberno galego transcendeu o pasado 10 de agosto por mor tamén da súa publicación no DOG.

O proxecto obtivo o visto bo do Executivo de Alfonso Rueda, segundo figura no documento, após as deliberacións do Consello da Xunta do pasado 27 de xullo, cuestión da que o presidente non informou na rolda de prensa posterior e que tampouco figurou no documento que a Xunta publica cada semana cos acordos adoptados cada semana.

Contratos de aprendizaxe

Quedaba pendente de publicar o anexo que fai alusión a esas normas polas que se rexerá a ensinanza e o funcionamento interno da UIE, que é o que agora se vén de facer público. O documento estabelece que a universidade contará con "contratos de aprendizaxe" subscritos entre a propia entidade, o profesorado e o alumnado para cada materia e programa, a fin de lograr "o máximo nivel de excelencia académica".

Exclusión da lingua galega

Todas as titulacións que oferta a UIE desde o próximo curso académico —catro graos e dous mestrados, a impartir na Coruña e Vigo— preséntanse baixo un modelo de ensino bilingüe en castelán e inglés que exclúe a lingua galega. E tampouco nas normas internas da institución figura mención ningunha ao idioma propio do país, obviando o que dispón a lexislación vixente.

"O galego e o castelán son as linguas oficiais das universidades da Galiza [...] O galego, como lingua propia da Galiza, é a lingua de uso normal nas actividades das universidades", decreta a Lei do Sistema universitario da Galiza (SUG), que data de 2013.

De feito, os estatutos das universidades de Santiago de Compostela (USC), Vigo (UVigo) e A Coruña (UDC) fican o galego como "lingua propia" da institución e estabelecen que esta é "o seu vehículo normal de expresión", alén de obrigar a "fomentar o seu uso en todas as súas actividades".

Ren sobre o claustro

O texto publicado nesta quinta feira no DOG non alude tampouco á composición do claustro e os dereitos do estudantado que regulan a súa participación. Unicamente sostén que a UIE "aprobará un regulamento interno" que recolla estas cuestións, sen estabelecer unha data precisa, malia restar apenas dúas semanas para o inicio do curso académico —previsto para o 1 de setembro—.

Titulacións solapadas coa pública

A Lei do SUG fixa no seu artigo 13 que "o catálogo de titulacións ofertadas [en novos centros universitarios] deberá ser complementario e non reiterativo respecto das titulacións preexistentes e consolidadas no SUG, e valorarase especialmente a súa conexión con novas ramas xurdidas no campo científico e con novas necesidades profesionais". Porén, a UIE presenta titulacións xa presentes en boa parte dos campus das tres universidades públicas.

O caso máis salientábel é o do Grao en Administración e Dirección de Empresas e o mestrado homónimo, titulacións xa existentes na USC, a UVigo e a UDC baixo idéntica denominación. Desde o Goberno galego escúsanse alegando que se trata das que proceden do Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (Ieside) de Abanca, previo á UIE, e que están "avaladas" por organismos estatais.

O curmán de Escotet será o reitor

O reitor da UIE será o curmán do presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, e presidente de Afundación —obra social do banco—, Miguel Ángel Escotet.

Compromiso coa igualdade

Cómpre subliñar tamén que as universidades públicas do país contan con organismos como comisións e oficinas de igualdade que velan pola non discriminación do alumnado, cuestión esta non presente nas normas de funcionamento da UIE —se ben si fala da figura do 'defensor universitario'—, que reducen este compromiso á seguinte elocución: "A UIE está comprometida coa igualdade de oportunidades con independencia de raza, xénero, idade, crenzas ou condición social. Por iso, todas as denominacións reflectidas nas presentes normas de organización e funcionamento, particularmente as referidas a cargos unipersoais, estudantado e persoal que sexan susceptíbeis de uso feminino e masculino, se se atopan expresadas en masculino, haberán de entenderse e interpretarse en acepción neutra sendo unha política activa da UIE fomentar a igualdade de trato e oportunidades".