Aprobado "por práctica unanimidade" o Plan de Acción Estatal de Saúde Mental 2022-2024

O Movemento Galego pola Saúde Mental nunha manifestación en defensa da sanidade pública de febreiro en Compostela. (Imaxe: MGSM)
A primeira acción recollida neste plan é a posta en marcha do teléfono de atención ao suicidio 024, activado esta terza feira.

O Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), integrado polas Consellarías de Sanidade das diferentes autonomías e o Ministerio de Sanidade, aprobou esta cuarta feira por "práctica unanimidade" o Plan de Acción de Saúde Mental 2022-2024, que disporá dunha partida de 100 millóns de euros.

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, resaltou que este plan é "un paso máis" que "continúa a senda" da Estratexia en Saúde Mental, aprobada en decembro de 2021.

En 2022 o plan contará con 30 millóns de euros, xa recollidos nos Orzamentos Xerais do Estado (OXE). 80% desa cantidade transferirase ás autonomías, mentres que o restante será xestionado polo Ministerio.

Primeira acción do plan

A primeira acción recollida neste plan é a posta en marcha do teléfono de atención ao suicidio 024, activado esta terza feira.

Segundo os datos facilitados por Darias, no primeiro día habilitado unhas 1.000 persoas tiveron atención directa durante aproximadamente 25-30 minutos, e algunhas delas foron derivadas ao teléfono 112, que xestionan as comunidades autónomas.

"Desde o primeiro día de funcionamento púxose en evidencia a necesidade e importancia deste recurso, que hai que seguir apoiando", destacou a ministra.

Importancia do plan

Darias sinalou que o plan "pon ás persoas con problemas de saúde mental no centro". "Considerámolas suxeitos de dereito e con participación na toma de decisións, e cun enfoque de xénero", detallou.

Así mesmo, lembrou que a pandemia exacerbou "os problemas de saúde mental, aínda que xa estaban presentes na sociedade española antes da aparición da Covid-19".

"De aí a necesidade de fortalecer a atención da saúde mental identificando as necesidades máis urxentes, converténdose nun piar para as reformas do Sistema Nacional de Saúde. A saúde mental é unha prioridade para o Goberno", subliñou.

Por outra banda, o CISNS tamén aprobou a distribución de 10 millóns de euros até 2023, procedentesos fondos europeos, para a formación duns 90.000 profesionais sanitarios.

"O obxectivo é incluír nos plans formativos das autonomías accións formativas en tecnoloxía sanitaria, vixilancia en saúde pública, seguridade do paciente, uso racional dos recursos ou detección precoz en violencia de xénero", concluíu Darias.