O Reino Unido autoriza a primeira vacina da Covid-19 específica contra a variante Ómicron

Administración dunha dose da vacina orixinal de Moderna. (Foto: Europa Press)
Trátase dun fármaco bivalente elaborado pola multinacional Moderna que é capaz de facer fronte tanto a esta variante como á cepa orixinal do SARS-CoV-2.

A Axencia Reguladora de Medicamentos e Produtos Sanitarios do Reino Unido (MHRA, en inglés) aprobou esta segunda feira a primeira vacina da Covid-19 que resulta eficaz tanto fronte á variante orixinal do SARS-CoV-2 como ante Ómicron.

En concreto, trátase dunha actualización do fármaco fabricado pola multinacional estadounidense Moderna que xa foi aprobada por Londres para as doses de reforzo da poboación adulta, "após comprobar que cumpre as normas de seguridade, calidade e eficacia", precisaron desde o MHRA.

Así, a metade da vacina Spikevax  bivalente Orixinal/Ómicron, como foi bautizada, consta do fármaco empregado para a cepa inicial, e a outra metade, dunha alteración do mesmo para combater Ómicron.

Os ensaios clínicos demostraron que un reforzo con este vial "desencadea unha forte resposta inmunitaria" contra estas dúas variantes da Covid-19. No que atinxe aos efectos secundarios, o organismo concluíu que non difiren dos detectados no fármaco orixinal de Moderna e que, habitualmente, son "leves".

Esta vacina bivalente, segundo apuntou a xefa executiva da MHRA, a doutora June Raine, "proporciona unha ferramenta máis atinada na protección contra esta enfermidade", a medida que o virus "segue a evolucionar".

O Reino Unido adiántase á Unión Europea

Coa aprobación deste fármaco a MHRA adiántase á Axencia Europea do Medicamento (EMA), que a mediados de xuño iniciara unha "revisión continua" tanto da versión da vacina bivalente de Moderna, agora válida no Reino Unido, como da de Pfizer, cuxos resultados foron tamén prometedores.

Esta vacina chegará previsibelmente en outubro deste mesmo ano, "a tempo para as campañas de vacinación de reforzo do outono", dixeron desde estoutra compañía.