'Aprender', o suplemento de 'Nós Diario' para a investigación e a divulgación, arranca esta cuarta feira

Educación ambiental, distanciamento tecnolóxico, a ciencia como ben colectivo, ou como a vida é quen de se manter en calquera escenario, entre as propostas.

Aprender publícase esta cuarta feira con Nós Diario. Catro paxinas a cor e con deseño de Pepe Barro como punto de encontro para a investigación e divulgación e que todas as cuartas feiras acudirán á cita coas lectoras do xornal.

“Ignorar a ciencia é un suicidio colectivo”, afirma Martin Pawley no inicio deste suplemento. Manolo Soto achéganos ás chaves da educación ambiental. Diante da crise ecolóxica e da emerxencia climática cobra máis importancia a necesidade dunha educación para a sostenibilidade.

José Edelstein fálanos de como a vida atopau unha infinidade de camiños para realizarse. Edita de Lorenzo fálanos de distanciamento tecnolóxico. Patricia Varela, presidenta da ASPG, é outra das voces presentes neste suplemento.

Aprender xorde como un punto de encontro para a investigación e a divulgación, como lugar onde dar conta do labor que nestas esferas desenvolve o tecido social do país e como espazo aberto ás iniciativas que se realizan nos ámbitos científico-técnico; na investigación, desenvolvemento e innovación; no ensino; na educación ambiental; na formación...

Un suplemento que quere rachar coa enorme distancia que existe entre o traballo das investigadoras e investigadores da Galiza e o que as persoas coñecen sobre o seu labor. Desta maneira, Nós Diario busca facer accesíbel o coñecemento especializado, é dicir, facer de ponte entre o mundo científico e o do ensino e as lectoras e lectoras.

O suplemento, que se publicará todas as cuartas feiras, trata de dar difusión á importante actividade investigadora que ferve nos laboratorios e nas aulas da Galiza e á formación en materia de medio ambiente, co fin de aumentar a concienciación e o coñecemento a respecto da problemática ambiental e para fornecer ao público das ferramentas necesarias para actuar de maneira responsábel coa biodiversidade.

Suplementos diarios de carácter temático

'Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de ‘Nós Diario’ no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.

Trátase de suplementos temáticos de catro páxinas a cor, deseñados por Pepe Barro, un dos máis destacados grafistas da Galiza, que incorporarán máis voces especialistas nos diferentes campos que integra cada unha destas publicacións.
 

Imprimir