Aprazan o xuízo por delitos urbanísticos contra o ex alcalde de Campo Lameiro

O ex alcalde de Campo Lameiro, Xulio Saiáns, xunto co actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda. (Foto: PP)
Enfróntase a sete anos e tres meses de prisión.

O xuízo por delitos urbanísticos ao que se enfronta o ex alcalde do concello de Campo Lameiro durante 36 anos, Xulio Saiáns (PP), previsto para os días 12 e 14 de xullo na Audiencia Provincial de Pontevedra, volveu ser aprazado, esta vez por motivos médicos, despois de xa ser posposto no pasado mes de febreiro. Debido a este novo aprazamento será necesario fixar unha nova data para o xuízo, no que se dirimen uns feitos que sucederon entre 2013 e 2015.

O antigo rexedor de Campo Lameiro, que podería cumprir unha pena de até sete anos e tres meses de prisión, está acusado de cometer presuntos delitos de falsidade en documento público e contra a disciplina urbanística en relación coas obras dunha depuradora que remataron por afectar varios terreos privados e un espazo de dominio público destinado a ser zona verde

Na causa tamén están acusados o enxeñeiro que se encargou do proxecto, para o que a acusación pide catro anos e medio de prisión; e a secretaria municipal naquel momento, sobre a que recae unha petición de dous anos e medio de cárcere.

Ademais, o fiscal demanda a demolición das obras e a reposición dos terreos afectados ao seu estado orixinario, así como inhabilitación e o pago dunha multa para os acusados.

Feitos denunciados

Segundo o escrito de acusación, en 2013, ante a necesidade de modificar ou substituír a estación depuradora existente no polígono industrial da Facha de Campo, Saiáns encomendou a realización do proxecto a un enxeñeiro, quen elaborou a través da súa empresa un anteproxecto en febreiro de 2014.

O pleno do Concello aprobou o anteproxecto e instou o enxeñeiro acusado á realización da obra da mellora da depuradora. O 14 de xullo de 2014, o rexedor ordenou á secretaria municipal  que efectuase un informe sobre o procedemento para seguir.

Ese mesmo 14 de xullo, a secretaria emitiu o certificado sobre a existencia de crédito suficiente como para acometer a obra e un estudo sobre o procedemento de contratación que se debía seguir.

Segundo o fiscal, a investigada "non fixo referencia no seu informe á necesidade da elaboración dun prego de prescricións técnicas por un funcionario municipal nin tampouco manifestou que era en todo caso necesario encomendar a un técnico externo a confección do prego de cláusulas técnicas da obra, de non contar con persoal municipal que puidese efectuar esta tarefa".

Comezo das obras

As obras deron comezo finalmente en outubro de 2014, a pesar de que non constaba o prego de condicións técnicas no proxecto, sen que a secretaria fixese reparos á legalidade na Xunta de goberno local, o que a acusación considera "un absoluto desprezo polas normas administrativas que regulan a contratación de obras públicas e con pleno coñecemento" da vulneración de normas básicas.

Ademais, houbo un cambio na localización final polo cal a depuradora quedou instalada sobre dúas parcelas, unha das cales era propiedade dunha sociedade privada, mentres na outra "estaba prohibida a instalación de construcións industriais tales como unha estación depuradora", dado que era unha zona pública destinada a ser empregada como zona verde.