Allariz

Allariz: unha aposta polo rural e o paisaxismo desde o prisma da produción local

Ecoespazo do Rexo, en Allariz

Pasaron 29 anos desde aquel 1989 en que se produciu a revolta veciñal que supuxo un punto de inflexión na historia de Allariz. Das prácticas de caciquismo pasouse a un modelo de proxecto que cristalizou nun exemplo para toda Galiza. A revolta segue e pon a ollada no rural.

 

Desde a revolta de 1989, o Concello de Allariz ten apostado por uns eixos de desenvolvemento que a día de hoxe se amosan como factores de éxito: patrimonio-historia, proximidade con Ourense e aproveitamento de superficies do entorno rural. Para o Goberno municipal, liderado por Cristina Cid, non resulta posíbel formular un proxecto de desenvolvemento municipal que deixe de lado o 90% do territorio, neste caso ocupado polo espazo agroforestal.

 

As persoas que se dedican á agricultura e á gandaría convértense en coidadoras da paisaxe e en xeradoras de valor engadido

 

Resulta evidente que o abandono do rural xera distorsións no territorio e na sociedade, sendo a máis pronunciada a da praga dos incendios forestais. É o traballo de aproveitamento de superficies agrogandeiras e forestais o que resulta máis complexo, e tamén o máis gratificante cando xorden froitos.

 

Impulso constante

 

Hoxe Allariz dispón de produción ecolóxica de horta (Mima, entre outras), leite ecolóxico (Ecoleia), queixo de ovella (O Rexo), Carne de Boi (MVMC de Penamá, Granxa O Rego, etc.) Cervexa Artesanal (Dama Alaricana), xabón elaborado con leite de burra (Xabón de Allariz- Asociación ANDREA), rabaños de cabras en extensivo, explotacións de vacún tanto de carne como leite en sistema convencional con aproveitamento de superficies, proxectos innovadores no campo da produción e transformación da castaña (Petelo), apicultura…, todos eles mesturados no Mercado da Reserva da Biosfera que ten lugar cada sábado na vila.

 

O territorio de Allariz, xunto cos da Bola, Vilar de Santos e Rairiz de Veiga, foron declarados Reserva da Biosfera pola UNESCO no ano 2005, un espazo recoñecido a nivel mundial pola súa procura do equilibrio entre o ser humano e a natureza, un equilibrio económico, ecolóxico e social que serve de modelo a outros territorios. Non se trata de volver a un medio rural bucólico e pastoril, senón máis ben de trazar estratexias que permitan vivir no medio rural, ao tempo que as persoas que se dedican á agricultura e á gandaría se converten en coidadoras da paisaxe, respectadas socialmente, e en xeradoras de valor engadido. Á vista están as rutas de sendeirismo, os espazos arqueolóxicos limpos, os produtos de proximidade, as xornadas gastronómicas, etc.

 

Paisaxes en Produción

 

Dentro desta estratexia global, Allariz acolleu no mes de xullo o curso de verán Paisaxes en Produción, organizado polo Concello de Allariz, a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Juana de Vega. Este curso esbozou formas de xestión do solo rústico capaces de activar economías de pequena escala, baseadas nos valores do territorio entendido como espazo produtivo, paisaxe cultural e lugar de vida.

 

Para formular as estratexias de activación da economía local centradas na posta en produción do territorio –con especial atención á súa percepción como paisaxe–, os traballos realizados por docentes e alumnado desenvolvéronse seguindo diferentes enfoques entendidos como unha comuñón entre a xestión dos recursos ambientais, a administración da dispoñibilidade das terras, a dinamización do patrimonio arqueolóxico, a reflexión sobre novas morfoloxías e a organización dos fluxos de auga e enerxía no medio. 

 

As diferentes temáticas traballadas trataron, entre outras cuestións, o valor dos bens ecolóxicos, produtivos e culturais do lugar. Neste sentido, o curso de verán salientou a aposta polo estabelecemento de pautas de xestión municipal dos recursos ambientais, con especial atención á erradicación dos incendios forestais; pola creación dun modelo de banco de terras municipal que poida ser xestionado desde a Administración local (o Concello de Allariz xestiona un desde finais do século XX); pola redacción de normas de aplicación para regular a construción de volumes asociados á manufacturación; polo deseño dos principios que poden rexer un plan director que achegue o patrimonio arqueolóxico á poboación local e nacional; pola proxección de formas de xestión das augas de rego ou por descubrir os fluxos de enerxía no territorio e avanzar no seu uso sustentábel.

 

Facilitar que as persoas aposten por un entorno rural vivo é un papel fundamental para o Goberno de Allariz, que mobiliza as terras dispoñíbeis, elaborando plans e pautas de xestión que axuden as novas e vellas persoas xestoras do territorio dedicadas á silvicultura, agricultura e gandaría. E en Allariz levan tempo aprendendo a facer.

 

Os datos: dinamización económica

 

A programación de eventos e actividades ao longo de todo o ano para reforzar a capacidade de atracción de Allariz e para paliar, así, a caída do consumo e da actividade económica é un dos puntos de atención do Goberno que dirixe Cristina Cid, que se afana en dinamizar a economía do concello malia as escasas competencias das que dispoñen os municipios ao efecto.

 

Os datos presentados polo Instituto Galego de Estatística e do Observatorio Económico Ourensán certifican que Allariz é un dos poucos concellos en que o número de empresas e o número de persoas afiliadas á Seguridade Social aumentou durante o período de crise económica. Un 12,7% máis no censo de empresas en que, sen dúbida, ten moito a ver a dinamización económica impulsada polo Concello e en todo o labor municipal, que ten convertido Allariz nunha marca de valor e de prestixio que, en si mesma, é todo un activo económico.