A aposta “irreversíbel” na compostaxe en Pontevedra

[Imaxe: Depo] Compostaxe

As iniciativas impulsadas pola Deputación e o Concello de Pontevedra para o tratamento dos residuos orgánicos confrontan cos poucos avances nesta materia por parte do goberno galego, malia os reiterados compromisos e normativas que lle impoñen avanzar nesa dirección. Galiza só recupera, quer por reciclaxe ou compostaxe, un 20% do que recolle. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 294 de Sermos Galiza.

Apostar nun novo modelo de xestión de residuos. Pontevedra encabeza unha estratexia a prol da compostaxe que busca mudar a forma en que tratamos os restos no país, que hoxe se acumulan por toneladas nos vertedoiros ou rematan incinerados. Mais a partir de 2020, ano fixado como horizonte polas lexislacións europea, estatal e galega, todos os concellos estarán obrigados a reducir o volume de residuos que non son reutilizados á metade. Un obxectivo que, a case ano e medio do prazo estipulado, está moi lonxe de cumprirse.

 

Ante esta perspectiva, Concello e Deputación de Pontevedra decidiron dar un paso adiante coa compostaxe como piar do seu modelo. “Botamos a andar o Plan Revitaliza, asociados cos concellos, tanto porque é unha obriga legal como por principios, por crer que hai que facer unha xestión máis ecolóxica”, explica en conversa con Sermos Galiza o vicepresidente do ente provincial, César Mosqueira, sobre unha medida que se puxo en marcha en 2015 e que hoxe avanza “sen volta atrás”.

 

“É irreversíbel. Hai que tratar os residuos doutra maneira, non se pode xuntar todo e mandalo a incinerar ou a compostar todo xunto. Este tipo de cousas teñen que desaparecer, porque se non, os residuos vannos comer. É un problema maiúsculo que hai que resolver”, alerta o representante nacionalista, que engade que “en 2020 poden empezar as sancións, algúns levan demasiado facendo o remolón”.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 294 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]