IOLANDA FERREIRO, AVOGADA E MEMBRO DE ESCULCA

“Após os recortes económicos e sociais, agora van polos dereitos políticos”

Iolanda Ferreiro cos 5 militantes nacionalistas denunciados

As denuncias contra 5 militantes nacionalistas polos protestos contra a visita de Merkel son máis unha mostra, afirma, de que desde o poder apóstase en castigar e sancionar “cada vez máis forte e máis cousas”.

 

Iolanda Ferreiro é avogada e membro de Esculca, Observatorio para a defensa dos direitos e liberdades . Hai uns días acompañaba na súa comparecencia perante a prensa aos cinco militantes nacionalistas (BNG e CIG) denunciados por tomar parte nos protestos contra a visita en agosto de Merkel a Galiza. Ferreiro advirte da necesidade de que tod@s tomemos consciencia dos dereitos que temos “e que estamos a perder”. Concorda en que nos últimos tempos hai unha escalada represiva sobre movementos e mobilizacións sociais. “Camiñamos cara ao estado policial”.

As denuncias a raíz da visita de Merkel amosan que os dereitos políticos están tamén no albo de ser ´recortados’?

Nestes anos houbo ataques a dereitos laborais e sociais conquistados e, por dicilo así, os dereitos políticos non ían ser menos. É até unha evolución case lóxica e que non se me entenda mal: comezan cos recortes económicos, coas tesoiradas no eido laboral... e iso leva, tamén coa influencia da crise, a unha maior mobilización. Para atallala, póñense en marcha medidas como a Lei de Seguridade Cidadá.

"Falamos da ‘Lei Mordaza’ como algo que cando veña vai supoñer un retroceso grave neses campos cando ese retroceso xa o estamos a vivir agora!"

Unha lei, coñecida xa popularmente como ‘Lei Mordaza’, cuxa aprobación vai supoñer un retroceso nas liberdades públicas...

Falamos da ‘Lei Mordaza’ como algo que cando veña vai supoñer un retroceso grave neses campos cando ese retroceso xa o estamos a vivir agora! O que vai facer a Lei de Seguridade Cidadá é dar cobertura legal, vai formalizar o que está a acontecer. Non é unha lei isolada, senón que xa agora mesmo estamos a ver como se producen esas vagas de sancións, multas, procedementos...

Entón, que vai supoñer?

A ‘Lei Mordaza’ vai incrementar os feitos que poden ser sancionábeis e vai ampliar a cuantía das sancións. É a consecuencia lóxica dun goberno que perante calquera problema só sabe xogar a carta da represión. E hai unha cuestión que considero de interese, que é que se queiran substraer determinadas faltas do código penal para pasalas ao procedemento administrativo. É dicir, que esas faltas van pasar a ser castigadas vía administrativa, substraéndoas do control do xuíz penal.

E que significa?

Houbo moitas mobilizacións, por exemplo a de rodear o Parlament de Catalunya, na que se denunciou a xente e con peticións altas. Mais o xuíz absolveu esas persoas. Por iso óptase pola vía administrativa, pois aí é a persoa denunciada e a administración que, por dicilo así, sería a denunciante. Non hai outro poder -o xudicial- a tentar valorar e tomar a decisión.

"A represión  pode alcanzar a calquera, xa non é unha cousa que afecte ou atinxa a perigosos ‘anti-sistema’

Os cinco militantes denunciados concordan en sinalar que os informes policiais non reflicten o que pasou aquel día...

No procedemento penal un é inocente até que se demostre o contrario. Mais pola vía administrativa rexe o ‘principio de veracidade’, é dicir, que se dá por feito que o que se di no documento ou atestado policial é verdade, pártese desa premisa.

Na ‘Lei Mordaza’ hai unha cuestión que creo que se debe destacar: pretende que estea prohibido por parte dos medios de comunicación ou calquera persoa tomar imaxes ou gravar a actuación das forzas de seguridade do Estado”.

Houbo un aumento nos últimos tempos en Galiza de sancións e procedementos contra as persoas que se mobilizan?

Iso é algo que en Esculca detectamos nestes últimos anos. É, e que non se me entenda mal (ri), a ‘democratización’ das persoas que son obxecto de represión. Sancións, multas, denuncias... poden chegar a calquera, xa non é unha cousa que afecte ou atinxa perigosos ‘anti-sistema’. Non, agora hai persoas maiores que protestaron polo calote das preferentes, médicos que se mobilizan en defensa da sanidade pública, emigrantes retornados... que ven que son denunciados ou multados simplemente por se mobilizar.

Debemos de ser conscientes dos dereitos que temos e que podemos perder. E de como nolos están a sacar. Por exemplo, o dereito a manifestación. Escoitamos case todos os días falar de manifestacións ilegais e non autorizadas... iso non existe. Cabe que ti comuniques a mobilización por unha cuestión de orde pública, mais o dereito a manifestación está recollido na Constitución. O goberno quere ‘baleirar’ de contido ese dereito fundamental e vaino facer a través dunha lei de menor rango que a CE. Ese é o tipo de cuestións que debemos ser conscientes que nos estamos xogando, como coa defensa dos servizos públicos, por exemplo. Ser conscientes do moito que estamos a perder.