Após admitir a trámite o recurso d@s independentistas, o TS valorará agora a sentenza da AN

O Supremo decidirá se anula ou non a sentenza ditada pola Audiencia Nacional española que condenou catro independentistas galeg@s por "pertenza a organización terrorista". 

 

Esta cuarta feira o Tribunal Supremo acolleu a vista após admitir a trámite o recurso de casación presentado polos avogados d@s catro independentistas galeg@s condenad@s por "pertenza a organización terrorista" pola Audiencia Nacional española. 

O recurso interposto pola defensa pide a nulidade da sentenza ditada en xullo de 2013 por consideraren que se fixo unha aplicación da lei incorrecta e foron vulnerados os dereitos d@s acusad@s ao exercicio da súa lexítima defensa. Nesta vista decorrida na sala do Supremo, os avogados de Antom Santos, María Osório, Roberto Rodríguez Fialhega e Eduardo Vigo defenderon a anulación da condena por "pertenza a organización terrorista" e "todos os delitos" vinculados a banda armada, explicou en conversa con Sermos Galiza o letrado, Borxa Colmenero. 

Aliás, defenderon a nulidade da decisión adoptada pola Audiencia Nacional por achar que a "actitude" do xuíz Alfonso Guevera vulnerara "o dereito á lexítima defensa". Cumpre lembrar que o maxistrado mesmo expulsou da sala aos profesores Carlos Taibo e Bernardo Máiz por "impertinencia ao Ministerio Fiscal" cando declaraban como peritos da defensa. 

Durante a vista, o Ministerio Fiscal non quixo entrar no debate xurídico da defensa. Argüíu que os argumentos dos tres avogados son "sociolóxicos" e "non xurídicos". Neste senso, solicitou ao Supremo que manteña as condenas por axustárense a dereito. 

O Supremo deberá deliberar agora o seu posicionamento a respeito da sentenza da Audiencia Nacional para o que a lei non fixa un prazo determinado. Desde a defensa sinalan que, se a resolución non lles ser favorábel, @s acusad@s presentarán un recurso de amparo perante o Tribunal Constitucional e mesmo valoran a posibilidade de recorrer ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. "Esgotaremos todas as vías legais", apunta Colmenero.