Serafín Rodríguez

“Sen o apoio recibido nestes anos, non seríamos quen de seguir en pé”

Serafín Rodríguez tivo que agardar canda Carlos Rivas seis anos por un indulto, unha medida que chegou oficialmente a pasada segunda feira vía BOE. Foron anos duros para eles e as súas familias, afirma Rodríguez, que destaca o apoio recibido ao longo de todos este proceso.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) desta segunda feira publicaba os dous real decretos polos que o goberno indultaba Carlos Rivas e Serafín Rodríguez, os dous empregados do transporte que foron condenados en 2011 a tres anos cada un por un delito contra os dereitos dos traballadores no marco das mobilizacións que tiveron lugar en 2008 cando o sector pelexaba por un convenio colectivo xusto. Falamos con Serafín Rodríguez.

 

Como viviches a noticia do indulto?

Home, con alegría, con alivio tamén. É unha lousa grande que nos sacamos de enriba. A min a noticia colleume traballando e si, foi unha alegría: abrazos de compañeiros, felicitacións, chamadas… Ao chegar a casa, celebreino coa muller e as fillas.

 

Sabiades que ía aprobase esta medida?

Había ruxe ruxes, movementos… mais nestes anos xa levamos varias decepcións. Parecía que ía chegar o indulto e ao final nada de nada. Por iso eu tiña claro que até mirar que a cousa era oficial non ía estar tranquilo de todo.

 

Un indulto que chega seis anos despois de solicitalo, oito anos despois do xuízo e once despois dos feitos polos que vos xulgaron.

Foron anos moi duros. Temos familia, temos traballo, temos rapazas pequenas e foi moi duro desde un principio. Tivemos tamén moitos apoios, que foi o que nos sostivo en pé. Se te pos a pensar que che pasa unha cousa así e non tes apoios…uf! Ía ser duro, moi duro.

 

“Foi un pesadelo e acabou. Xa está”

 

Houbo momentos en que pensastes que o indulto non chegaría?

Din que a esperanza é o último que se perde, eu sempre tiven a esperanza aí de que isto se solucionase mais, bon, estabamos nunha dúbida, na incerteza de saber se chegaría ou non. Volvo referirme aos apoios que tivemos nestes anos, porque cando as cousas parecían máis negras pensaba, “están aí os que nos apoian, non nos van deixar tirados”.

 

Outra vez os apoios…

Si, foron moi importantes. Tanto de organizacións sociais, como da familia, de compañeiros, dos amigos, dos sindicatos, da xente da rúa, tamén de organizacións políticas que nos apoiaron.

 

Os sindicatos intentaron manter o tema do indulto ao longo de todos estes anos na axenda pública e mediática.

Si, non nos abandonaron nunca, non nos deixaron tirados, estiveron canda nós desde o principio, comportáronse moi ben

 

“O que pasou estes anos cámbiache a maneira de ser, aínda que penses que non”

 

A familia debeu sufrir especialmente

Iso foi moi duro, moi duro. A miña muller aínda está en tratamento, con antidepresivos. Foi duro. Os meus pais, os meus sogros. É moi duro, trúncache a vida dun día para outro.

 

Esta anos tamén vos deberon unir a Carlos e a ti.

Eu cando empezou todo isto a Carlos non o coñecía. Son moitos anos sufrindo e pelexando os dous polo mesmo e ao final tes aí unha complicidade.

 

A vosa situación non era a única. Houbo neses anos moitos sindicalistas e traballadores que se enfrontaban a penas de prisión no marco do que se denunciaba como unha ofensiva contra o dereito de folga. Erades conscientes diso?

Si. Houbo aí uns anos, 2010 e 2011, no que había moita xente, traballadores, xulgados por participar en folgas, con peticións de cárcere. Pero a maioría desas situacións foron arranxándose nos recursos e xuízos, creo, polo que teño entendido, que ficábamos Carlos e eu.

 

Oficialmente xa estades indultados. E agora, quitada esta lousa?

Pois seguir a tirar para adiante (ri). A desfrutar da muller e das fillas, que si, desfrutei estes anos mais non é o mesmo. A situación cámbiache a maneira de ser, aínda que penses que non. Por iso, agora, intentar volver a ser como eramos e gozar da vida. Isto foi un pesadelo e acabou. Xa está.