Apoio masivo á folga a primeira hora da mañá

A xornada de folga deixa a primeira hora da mañá un paro xeralizado na industria e nos servizos. As centrais sindicais sinalan un "seguimento total" na industria, transporte de mercadorías, alimentación e imprensa. Os sindicatos informan dos impedimentos que está a pór a policía para desenvolveren a labor informativa e mesmo se produciu unha carga policial e unha detención no Polígono do Tambre (Compostela).

 

A primeira hora da mañá, o seguimento da xornada de Folga era da práctica totalidade nos sectores industriais e de servizos. Neste senso, as centrais sindicais aseguran que a recollida de lixo está completamente paralizada nas principais vilas e cidades galegas. Aliás, as grandes empresas do pais, como as do sector da automoción en Vigo, Santa Bárbara, Megasa, Navantia, Factoría Naval de Marín, Ferroatlántica, Televés, Castrosúa, Maessa, Estrugasa, Alcoa, Galfor, Crown Cork Ibérica, Faurecia, GKN-Indugasa, Maderas Iglesias, Viza Automoción, Frinsa, CESPA (na Coruña e Pontevedra), Repsol Petróleo, Leche Celta, Leite Río, Adolfo Domínguez, lonza Biologics, Dalphi Metal, Rodman-Polyships, Frinova, Begano, Conservas Calvo, ENCE, Gamesa Eólica, Zara Loxística, Pull&Bear ou Indipunt, entre outras.

As centrais sindicais daban conta da existencia de importantes controis da policía nos polígonos industriais do país e mesmo de cargas policiais en Compostela 

Segundo fontes sindicais, os portos da Coruña, Vigo, Marín, Burela, Celeiro e Ribeira pararon a súa actividade arredor das sete da mañá, xunto co transporte aéreo, ferrocarril --de media e longa distancia-- e o servizo de autobuses. Neste senso, o transporte urbano e interurbano achega un seguimento ao paro do 90% e no tocante ás ambulancias só están a funcionar os servizos mínimes decretados pola administración.

Detención e cargas no Polígono do Tambre (Compostela)

Fronte ao decorrer da xornada a primeira hora da noite, en que non se produciron incidentes, as centrais sindicais daban conta da existencia de importantes controis policiais nos polígonos industriais do país a primeira hora da mañá. Así mesmo, informaron do desenvolvemento dunha importante carga policial no Polígono do Tambre (Compostela) onde vari@s sindicalistas foron identificados e se produciu unha detención. Asi mesmo, as forzas españolas impediron exercer a labor informativa noutros polígonos como o de Pocomaco.  

Paro histórico nos medios de comunicación públicos
Por vez primeira nos 25 anos de autonomía, a CRTVG chegou a un acordo co comité interempresas para estabelecer uns servizos mínimos polo cal, a canle pública non emitirá conexións en directo e tan só manterá na súa programación habitual tres servizos informativos que, no entanto, durarán a metade do seu tempo. Asemade, as traballadoras e traballadores da televisión pública de Galiza comprometéronse introducir ao comezo de cada emisión un crowll en que se explica que debido á xornada de folga "se emitirá unha programación ou contido distinto do habitual".

Aliás, a imprensa publicada en Galiza amosou un seguimento amplo da convocatoria freándose mesmo as rotativas de La Voz de Galicia --o diario con maior tirada útil e índices de audiencia do país-- e El Ideal Gallego, que saíron en formato reducido.

Perante os bos índices de seguimento que está a amosar a xornada, as centrais sindicais fan un chamamento á cidadanía a continuaren coa mobilización "en defensa do emprego, a solidariedade e contra as políticas de axuste". Así mesmo, lembran o carácter europeo da convocatoria e a necesidade de que a implicación social sexa máxima pois, non hai colectivo profesional ou social que se libre dos efectos prexudiciais das políticas neoliberais que está a aplicar o Goberno central, actuacións entre as que cómpre sinalar a reforma laboral, o repagamento farmacéutico, os recortes nas pensións e prestacións sociais, a deterioración e privatización dos servizos públicos, a suba do IVE, a amnistía fiscal a quen defrauda ou o desmantelamento dos nosos sectores produtivos", aseguran.