''Apoiar o PP implica apoiar o copagamento para doentes de cancro''

A Iniciativa Galega pola Gratuidade realizou un encerramento na sede da Xunta en Lugo e anunciou ''movilizacións permanentes'' até que @s enferm@s non teñan que re-pagar os medicamentos.


"Apoiar o PP implica apoiar o copagamento para doentes de cancro". Así de taxativo mostrouse esta quinta feira o voceiro da Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade, Federico Gutiérrez Estoa, alcalde de Riotorto. Fíxoo no decorrer dunha acción reivindicativa en contra do decreto 212/2012 --que fixou o repagamento do transporte médico e das próteses-- e contra a resolución ditada o 10 de setembro de 2013 que impón o repagamento dos fármacos prescritos para doentes crónic@s. 

O protesto, un encerramento na delegación da Xunta en Lugo, servirá de preámbulo para unha "mobilización permanente" que encetará na semana que vén, após as dúas xornadas de folga xeral en contra da privatización da sanidade, 9 e 10 de decembro, convocadas polos sindicatos CIG, CC.OO., CEMS e Omega e apoiadas pola Plataforma Galega en Defensa da Sanidade Pública.

"Volvemos á loita, unha loita que vai tomar nos vindeiros días máis intensidade e contundencia", recalcou Gutiérrez Estoa, quen reclamou que Feijóo reciba á Iniciativa Galega "non para lle regatear miseria ningunha, pois as nosas demandas nin se negocian nin se transacionan". O que demanda o colectivo é a retirada das dúas normas antes sinaladas, ditadas ambas as dúas polo Goberno español mais que a Xunta acatou sen dicir ren. 

E continuou Estoa: "Feijóo converteuse nun auténtico pesadelo para os enfermos de cancro, de sida ou de hepatite mais se persiste na súa teima vai atopar enfronte outro auténtico pesadelo, o pobo galego" porque Galiza, dixo, non vai dar por boa "resolución ningunha que deixe fóra do dereito á sanidade homes e mulleres en función do seu poder adquisitivo".