Entrevistamos Andrés Cordeiro, socio fundador de MycoGaliza Plantae

“A nosa aplicación axuda a introducir conceptos biolóxicos ás persoas de a pé”

Equipa de MycoGaliza Plantae, creadora de Mycokey (MycoGaliza)
A aplicación de identificación de cogomelos Mycokey Galiza xa está dispoñíbel para descargar, de balde e en galego. Sermos Galiza conversa con Andrés Cordeiro, socio fundador de MycoGaliza Plantae, a empresa que se agocha tras esta ferramenta que parte dun forte compromiso pola sustentabilidade e o futuro do noso monte.

A empresa MycoGaliza Plantae vén de lanzar unha aplicación para dispositivos móbiles que permite indentificar cogomelos. Mycokey Galiza xa está dispoñíbel para descargar, de balde e en galego. Andrés Cordeiro, socio fundador da spin-off responsábel, explícanos o funcionamento da app e as claves dun proxecto que non só responde a estes resultados concretos, senón que defende un compromiso pola sustentabilidade a través da divulgación de coñecementos científicos e a formación medioambiental, que consideran “uns dos nosos principais obxectivos de cara ás futuras e actuais xeracións, xa que o monte ten que mirar cara ao futuro, non só cara ao presente”. 

De onde vén a idea de desenvolver unha aplicación para identificar cogomelos?

Xorde precisamente dos obradoiros de identificación de cogomelos que realizamos todos os anos na Universidade de Vigo. Neles explicamos un procedemento no que se empregan claves dicotómicas, é dicir, segundo os caracteres do cogomelo vaise avanzando na clave dicotómica até chegar a unha identificación. O que pretendiamos coa app é, principalmente, intentar facilitar o procedemento de seguir estas claves. Certamente, as persoas que participan dos nosos obradoiros, desde que comezan até que rematan, acaban por dominaren o sistema, mais esa primeira entrada no emprego deste recurso técnico pode supor unha barreira para moitas delas. Grazas á aplicación, poden acceder dunha maneira moito máis sinxela desde o minuto cero.

O que pretendiamos coa app é, principalmente, intentar facilitar o procedemento de seguir as claves dicotómicas

Que facilita a aplicación?

O que ten de bo é que simplifica a estrutura da clave dicotómica coa presenza de esquemas. Hai certos esquemas que fan referencia á estrutura morfolóxica dos cogomelos e iso facilita seguir a clave en si. Fronte a outras aplicacións que hai no mercado, a nosa permite seguir o procedemento científico que se emprega para identificación de organismos. Estas aplicacións limítanse a tiraren unha foto e mostraren a identificación, que moitas veces non é correcta. No caso de non ter coñecemento, pódeche parecer que o cogomelo que está a aparecer é o que tes diante. Pola contra, a nosa axuda a introducir conceptos biolóxicos ás persoas de a pé.

Trátase ademais da primeira app deste tipo en galego?

Fronte a outras aplicacións que hai no mercado, a nosa permite seguir o procedemento científico que se emprega para identificación de organismos

Si. Había unha primeira versión que se chamaba tamén Mycokey, pero xa se atopa fóra do mercado. Xustamente contactamos coa persoa que a elaborou, o programador Xan Bellón, dentro do Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo. En colaboración con el desenvolvemos esta segunda versión para darlle máis mantemento cos obradoiros que estamos a facer agora dentro da empresa.

Para alén destes obradoiros, que outras actividades realizan? 

Nós somos MycoGaliza Plantae, unha asesoría micolóxica forestal da Universidade de Vigo, cun modelo similar ao dunha spin-off, e o que facemos principalmente é tratar de mellorar o recurso micolóxico forestal. De aí traballamos tres liñas de negocio principais: unha de asesoría forestal directa dos montes, unha de investigación –para intentar mellorar a anterior–, e logo a concienciación e a formación micolóxica.

O que facemos principalmente é tratar de mellorar o recurso micolóxico forestal

Desa liña forman parte os obradoiros. Que acollida teñen?

Nos obradoiros que realizamos na Universidade de Vigo adoitamos encher prazas. Agora estamos comezando a facelos tamén por conta propia, tamén cun bo resultado. O público normalmente comprende persoas entre os 30 e os 40 anos –ou mesmo algunha xubilada– que teñen sempre interese gastronómico polo cogomelo, mentres outras, as menos, teñen inquedanzas a nivel da natureza.

O mundo dos cogomelos é aínda un gran descoñecido? 

Hai certo descoñecemento por falta de tradición. Noutras rexións é moito máis habitual ir coller cogomelos

Penso que ultimamente estase a mellorar, pero si que hai certo descoñecemento por falta de tradición. Noutras rexións é moito máis habitual ir coller cogomelos, resulta máis sinxelo ter ese costume de ir ao monte. Aquí na Galiza hai certa redución dese interese, mais estase dando un incremento nos últimos anos. Ademais, a xente quere aprender ben, non desexa ir simplemente apañar para comer, senón coñecer cales son tóxicas para non meter malas cousas cesta.