Os apicultores cifran en 35% as colmeas que morreron en Galiza durante 2016

Vespa velutina

Nalgunhas áreas a mortalidade chegou a 50%

Entre 30 e 40% das colmeas que había censadas en Galiza perdéronse durante o 2016, chegando nalgunhas zonas a ser esta mortalidade de até 50%. Son os cálculos feitos pola Asociación Galega de Apicultura (Aga) e que recolle Campo Galego. A Vespa Velutina é unha das principais causas desta situación mais non a única.

O secretario técnico da asociación, Xesús Asorey, incide en que á hora de avaliar estas mortalidades hai que ter en conta diferentes causas e factores, non só a Velutina. “A mortandade non se debe só a velutina, pois aí hai que incluír un 10% de baixas normal, as baixas pola varroa, as baixas polos pesticidas, o cambio climático etc”. “Os problemas das abellas actualmente son os problemas do medio ambiente”, subliña en declaracións a Campo Galego.

No que atinxe á incidencia de Vespa velutina, considera que esta é “desigual” segundo as comarcas.