Apenas 15% da poboación galega ten menos de 20 anos de idade

A poboación diminuíu 0,21% (Foto: Europa Press).
A esperanza de vida na Galiza sobre até os 83,6 anos.

Só 15,7% da poboación galega ten menos de 20 anos, mentres que 58,5% do total está no grupo de idade de entre 20 e 64 anos e máis dun 25,7% ten 65 anos ou máis, segundo deu a coñecer onte o Instituto Galego de Estatística. A respecto da idade media na Galiza, o día 1 de xaneiro de 2021 esta era de 47,74 anos, o que supón unha lixeira suba respecto aos 47,48 anos que se rexistrou en 2020.

Entre outras cifras, a poboación galega diminuíu en 2020 0,21%, polo que o peso relativo da Galiza no total do Estado español tamén baixou, pasando de supor 5,94% da poboación estatal a 5,69%.

Natalidade e mortalidade

En canto á taxa de natalidade, en 2020 naceron 5,65 crianzas por cada mil habitantes. A idade media das nais foi de 32,84 anos e dos pais de 35,48 anos. Respecto ao primeiro nacemento, a idade media da nai galega é de 31,89 anos, un ano máis en comparación con datos de 2010 e 0,4 puntos menos que a media estatal.

Pola súa parte, a taxa bruta de mortalidade foi de 12,17 persoas por cada mil habitantes no ano 2020.

Esperanza de vida

A esperanza de vida media da poboación galega subiu até os 83,6 anos, mais manténdose unha gran diferenza entre os homes e as mulleres, xa que elas viven até seis anos máis que eles.

Entre outros datos, a esperanza de vida sen limitacións, é dicir, o número de anos que pode vivir unha persoa sen limitacións no desenvolvemento das súas actividades cotiás, sitúase nos 63,2 anos en homes e 63,1 anos en mulleres. Tamén a esperanza de vida sen limitacións graves fica nos 80,3 anos de media, situándose en  77,6 anos en homes e, pola súa parte, en 83 anos nas mulleres.