DEFENSA DA RÍA

APDR di que Ence usa un herbicida de Monsanto que a OMS sinala como ‘’probábel canceríxeno’’

Pide á pasteira que deixe de usar o ´glisofato' e solicita ao Ministerio de Agricultura que o prohíba o produto após o acordo de expertos de 11 países de consideralo "carcinóxeno". 

A Asociación pola Defensa da Ría afirma que Ence está a empregar nas súas plantacións de eucalipto glisofato, un herbicida desenvolto por Monsanto e que a Organización Mundial da Saúde (OMS) considera “probábel carcinóxeno” (canceríxeno). O colectivo di que a pasteira leva anos empregando este herbicida, “en cantidades masivas”, para eliminar a vexetación que medra entre os eucaliptos.

O pasado mes de marzo, 17 expertos de 11 países reuníronse na Axencia Internacional para a Investigación sobre Cancro da OMS para declarar “como probables carcinóxenos unha serie de pesticidas organofosfatados, entre eles o herbicida habitualmente utilizado por ENCE, o glifosato”.

De acordo cos investigadores da OMS, explica a APDR,o glifosato ten sido atopado en sangue e ouriños de traballadores agrícolas en áreas fumigadas, o que indica que é absorbido polas persoas, atopándose evidencias limitadas de carcinoxénese en agricultores. “Os expertos resaltan a xenotoxicidade do produto, a súa capacidade para producir alteracións estruturais no material hereditario, o ADN, provocando cambios no mesmo, inducindo polo tanto mutacións”.

APDR confía en que trala consideración do glifosato como probable axente carcinóxeno pola OMS, “a empresa, que posúe certificacións que teoricamente avalarían unha xestión sostible como a do FSC (Forest Stewardship Council), deixaría de utilizar este produto e garantir así a salubridade das condicións dos traballadores forestais e das persoas que viven no entorno das plantacións”.

Ademais, a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) vén de solicitar ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente a prohibición explícita do uso do glifosato.