Apartan temporalmente unha médica que insultou pacientes no Hospital de Piñor

Exterior do Hospital de Piñor, na comarca do Carballiño. (Foto: Nós Diario)

“Non teño porqué aguantar imbéciles”, dixo a sanitaria

A dirección da área Sanitaria de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras decidiu apartar temporalmente das súas funcións asistenciais a unha médica que protagonizou unha disputa no Hospital de Piñor (no concello de Barbadás, comarca de Ourense).

Os feitos remóntanse á última hora da mañá da quinta feira. Nun vídeo que difundiu un dos pacientes, pódese observar como nun inicio a médica increpa un home na sala de agarda da unidade de Rehabilitación do centro, chegando a espetarlle: "Non teño porqué aguantar a imbéciles coma este". A isto, o paciente repróchalle que está a dar "un espectáculo lamentábel".

Tras un intercambio de palabras interceden outros presentes (entre eles, varias enfermeiras) tentando tranquilizar a situación, pero a sanitaria non cambia a actitude e mesmo bloquea o paso a un paciente en cadeira de rodas, que tamén tentaba mediar. A rifa continúa até que chega o vixiante de seguridade.

A dirección da área Sanitaria abriu un proceso interno para aclarar o sucedido e, mediante un comunicado, lamenta que se produzan este tipo de situacións, aseverando "rexeitar enerxicamente calquera tipo de actitude violenta veña de onde veña".

Así, solicitou de "maneira inmediata" os datos das testemuñas que esperaban a súa quenda no corredor das consultas ambulatorias do Servizo de Rehabilitación do Hospital de Piñor, así como os dos profesionais "para dar resposta a este proceso e adoptar as medidas que sexan oportunas".

Polo momento, solicitaron ao Servizo de Atención ao Paciente as posíbeis reclamacións que puidesen ser interpostas con motivo deste incidente, para dar resposta aos afectados "tan pronto sexa posíbel" e apartaron temporalmente á profesional das súas funcións asistenciais neste servizo.

No mesmo comunicado sinalan que a sanitaria desexa que se respecte a súa intimidade e que non vai realizar declaracións ao respecto.