Aparece unha corrente para restituír Erguer ás súas "bases fundacionais"

Unha mobilización de Erguer

O colectivo Reforzar Erguer ponse en andamento, afirman as e os seus promotores, após un "período convulso" en que persoas da dirección de Erguer, denuncian, terían atentado contra a súa "independencia" para pór a organización ao servizo de "entes externos provenientes só dunha cidade do país".

Con María Bará e André Vidal como referentes, un grupo de militantes de Erguer acaba de se organizar como colectivo para dar o debate nas vésperas da Asemblea Nacional da organización estudiantil, axendada para o 14 de abril en Pontevedra.

 

“Decidimos organizarnos para socializar os debates a dar na vindeira II Asemblea Nacional o 14 de Abril en Pontevedra, logo dun período convulso para a organización no cal se atentou contra a súa independencia e se tratou de subordinar as decisións dunha organización nacional coma a nosa ás de entes externos provenientes só dunha cidade do país", afirman desde un colectivo que se autocualifica como corrente.

 

Fontes de Reforzar Erguer -que xa teñen aberto un sitio na rede- dixeron a Sermos que os ataques á "independencia" da organización estudiantil terían vido nos últimos tempos de persoas da dirección saínte, lideradas pola secretaria de organización Iria Figueroa. "É un sector que está xa na órbita de En Marea e que están subordinados ás estratexias que pon en marcha Xeira -próxima a FPG-", din as mesmas fontes.O "ente externo" ao que se refere a nota de Reforzar Erguer é a Asemblea Aberta de Compostela, un espazo hexemonizado polas mocidades da confluencia. 

 

En Reforzar Erguer estarían 10 integrantes do actual Consello Nacional da organización estudiantil e dous membros da súa comisión de garantías. Tencionan "facer de novo Erguer unha organización operativa e ideoloxicamente ben orientada para dar respostas ás problemáticas conxunturais e estruturais do estudantado galego", afirman en nota de imprensa.

 

Apostan na auto-organización e queren un Erguer "en chave nacionalista e independentista". "Nós", din a Sermos, "non estamos por concertar estratexias con forzas que si colaboran co españolismo".

 

No seu FB, Iria Figueroa contesta o nacimento deste colectivo: "Falan de reforzar Erguer os mesmos que forzaron a que moitas marcharan mediante a intransixencia e endurecemento da liña, ambas cuestións agora aínda máis pronunciadas a través desta patética xogada nas redes sociais. Falan de democracia e soberanía organizativa os mesmos que agora operan de forma extraorgánica, manipulando os debates que encetamos de cara á nosa II Asemblea Nacional".

 

A dialéctica reproduce no campo estudiantil o confronto vivido previamente no seo do nacionalismo político entre a liña partidaria de preservar a auto-organización en chave soberanista e aquela que, desde o apelo á unidade popular, non desbota a colaboración con colectivos próximos a organizacións de ámbito estatal.