Aparece nunha praia de Ferrol unha balea xibarte de case 10 metros

Un axente de Protección Civil fronte á balea. (Foto: PC Ferrol)
Os técnicos do Cemma cren que a morte do animal puido deberse a que quedou enganchado en aparellos de pesca.

Unha balea xibarte de entre 8 e 10 metros de lonxitude apareceu varada na praia de Marmadeiro, en Ferrol, onde se atopa deitada sobre a area á espera de que sexa retirada. O achado produciuse a última hora da tarde desta segunda feira no areal ferrolán, até onde se mobilizaron voluntarios de Protección Civil e membros da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma).

Trátase da primeira balea xibarte, unha das especies de rorcuais máis grandes que existen, que vara na costa galega desde o ano 2011, segundo apuntou en declaracións recollidas pola axencia Europa Press o biólogo de Cemma, Alfredo López. O exemplar mide entre 8 e 10 metros e chegou á beira xa morto. Desde entón, permanece alí á espera de que o Concello de Ferrol organice o operativo para a súa retirada.

A balea xibarte é unha especie en situación crítica debido ao inzamento da súa caza durante todo o século XX, o que levou estes cetáceos ao bordo da extinción. Desde o ano 1990, cando empezaron os rexistros de cetáceos na costa galega, producíronse un total de catro varamentos de baleas xibartes. O primeiro tivo lugar en 1993 e houbo que esperar até 2008 para o seguinte. O último exemplar varado en Ferrol até o momento chegou até o noso litoral en 2011.

As baleas xibartes viven, alén de noutras augas do planeta, nas costas europeas, desde onde se desprazan ao norte de África. O cetáceo aparecido en Ferrol foi avistado días antes na zona de cabo Prior, polo que os técnicos do Cemma barallan que a morte do animal puido deberse a que quedou enganchado en aparellos de pesca.

Antes da súa retirada do areal ferrolán, Cemma procederá a tomar mostras do animal, cuxos restos mortais, unha vez sacados da praia, serán incinerados.