Aparece morto en Tomiño un home pendente de ser xulgado polo roubo de sete quilos de heroína dun maleteiro

Ía ser xulgado polo roubo en 2021 até sete quilos de heroína do maleteiro dun coche na Guarda. (Foto: Arquivo / Europa Press)
O xuízo estaba previsto para xaneiro, mais a folga de letrados obrigou a suspendelo.

A Garda Civil vén de confirmar o achado en Tomiño, na comarca do Baixo Miño, do corpo sen vida de Benigno González, un home que estaba pendente de ser xulgado polo roubo en 2021 até sete quilos de heroína do maleteiro dun coche na Guarda (mesma comarca).

Tal e como informaron fontes policiais a Europa Press, foi a pasada terza feira cando se localizou o cadáver do home que, á espera dos resultados da autopsia, non presentaba signos externos de violencia.

O home, segundo a información transcendida un "coñecido toxicómano da zona", estaba pendente de ser xulgado na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra logo de que en 2021 atopase no maleteiro dun coche sete quilos de heroína, que subtraeu e presuntamente repartiu con outros dous amigos.

Con todo, días despois foi detido por outro caso diferente do que se lle acusaba e, após realizar un rexistro do seu domicilio, atopouse a droga na súa vivenda, alén doutras sustancias.

O home, xunto con outros cinco procesados máis, ía ser xulgado o pasado mes de xaneiro. Porén, a folga de letrados obrigou a suspender temporalmente o xuízo. Para el, Fiscalía pedía máis de seis anos de cárcere.