Aparece morto un home de 88 anos nun regato no Barco de Valdeorras

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)
A Garda Civil baralla como principal hipótese unha caída accidental, aínda que o médico non certificou a morte natural porque presentaba un forte golpe na cabeza. Así, será a autopsia a que confirme con exactitude o acontecido.

Un home de 88 anos de idade foi achado falecido nun regato no Barco de Valdeorras (Valedorras) mentres buscaba castañas.

Segundo informan o 112 Galiza e fontes da Garda Civil, escasos minutos antes das 18.30 horas o seu fillo atopouno caído nun regato da parroquia de Santigoso. Seguidamente, chamou a central de emerxencias para avisar e xa apuntaba a posibilidade de que estivese morto.

Así, o 112 activou un operativo coa participación de Urxencias Sanitarias-061, os bombeiros do GES de Valdeorras, a Garda Civil e a Policía Local do Barco.

Con todo, unha vez no punto, os equipos de emerxencias tan só puideron confirmar o falecemento deste home, que se trataría dun veciño de Vilariño de 88 anos, segundo as fontes consultadas.