Aparece un lobo mariño na Coruña, unha femia grande que precisa "tranquilidade" e pode ser perigosa

O lobo mariño aparecido no peirao de Oza. (Foto: Cemma)
A tempada de lobos mariños na Galiza abrangue desde finais de ano até o mes de marzo.

O lobo mariño aparecido esta semana no peirao de Oza (A Coruña) é unha femia de tamaño grande que precisa "tranquilidade e respecto". Así o comunica a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), que informa de que desde que este exemplar foi localizado en Burela (A Mariña), o pasado 30 de decembro, foi recibindo posteriores avisos nos municipios coruñeses de Ares e Oleiros e na cidade herculina. Agora, notificará á Policía Local, Garda Civil e Autoridade Portuaria esta situación "para evitar molestias".

O animal é unha femia "posibelmente adulta e non un cachorro xuvenil, como é habitual, en anos anteriores, durante as tempadas de lobos mariños", e precisa "sobre todo tranquilidade e respecto". "Non debemos achegarnos, pois pode ser perigosa se se sente acurralada", alerta.

A tempada de lobos mariños na Galiza abrangue desde finais de ano até o mes de marzo. Na actual, foi rexistrada a presenza de dous deles varados mortos, un en Muros e outro en Mañón, mais e outro vivo, en Burela. En todo o norte Cantábrico e en Portugal, engade Cemma, observáronse simultaneamente diversos exemplares, "aínda que en xeral menos que en anos anteriores".

Os lobos mariños que chegan ás costas galegas son cincentos xuvenís (Halichoerus grypus), de menos de tres meses de idade, nados en colonias de Irlanda e en etapa de dispersión para buscar áreas de alimentación sen competencia doutros exemplares, segundo apunta Cemma.