Recuperan o corpo sen vida dun home que desaparecera mentres pescaba en Nigrán

Sede da Axega. (Foto: 112)
O corpo foi trasladado por unha patrulleira do Instituto Armado ao porto de Baiona.

Axentes da Garda Civil localizaron no mar o cadáver dun home que desapareceu esta quinta feira cando estaba a pescar na zona de Monteferro, en Nigrán.

Sobre as 14.30 horas o 112 Galiza recibiu unha chamada dun particular alertando da desaparición dun home, que sobre as 9.30 horas se dirixiu a pescar na zona coñecida como As Penizas, en Monteferro.

O alertante levaba tempo tentando contactar con el e, ao non conseguilo, avisou os servizos de Emerxencias.

Desde o 112 Galiza puxéronse os feitos en coñecemento de Salvamento Marítimo, Gardacostas da Galiza (que mobilizou o helicóptero Pesca 1), Garda Civil, Policía Local de Nigrán, GES e Protección Civil do Val Miñor.

Pouco tempo despois, o Servizo Marítimo da propia Garda Civil informaba ao 112 da localización do cadáver no mar.

O corpo foi trasladado por unha patrulleira do Instituto Armado ao porto de Baiona.