O corpo achado no río Lérez, en Pontevedra, pertence ao veciño de Cuntis desaparecido a semana pasada

O río Lérez ao seu paso por Pontevedra. (Foto: Europa Press)
José Campos Loureiro fora visto por última vez na contorna do Hospital Domínguez, onde o trasladaran despois de sufrir un accidente. Porén, non chegou a ingresar neste centro sanitario.

O corpo achado flotando no río Lérez, en Pontevedra, esta quinta feira pertence a José Campos Loureiro, o veciño de Cuntis de 55 anos que desaparecera a pasada terza feira, 12 de decembro, segundo veñen de informar fontes coñecedoras do caso citadas pola axencia Europa Press. Fora visto por última vez na contorna do Hospital Domínguez, onde fora trasladado despois de sufrir un accidente no municipio de Barro. Con todo, non chegara a ingresar neste centro sanitario.

O seu cadáver apareceu á primeira hora da tarde de hoxe. Pasaban as 14 horas cando unha persoa particular chamaba a central de emerxencias do 112-Galiza para alertar de que vira o corpo flotando no río, perto da ponte de Santiago. Unha vez no lugar, os axentes da Policía Local e os bombeiros de Pontevedra conseguían sacar o cadáver da auga. No entanto, os servizos sanitarios do 061 desprazados até alí tan só puideron confirmar o seu falecemento.

Posteriormente, as autoridades deron o aviso aos familiares de José Campos Loureiro, que se desprazaron até a cidade de Pontevedra para confirmar a identidade do corpo, que en principio non presenta signos de violencia.