Aparece o cadáver dun home que caera ao río Verdugo, en Soutomaior

Ponte medieval sobre o río Verdugo (Foto: Estevoaeí).
Segundo informou o 112, un equipo do Servizo de Gardacostas da Galiza a bordo do helicóptero 'Pesca I' localizou o corpo sen vida do home que estaba a realizar un roteiro a cabalo.

O corpo sen vida dun home desaparecido este sábado no río Verdugo, ao seu paso polo municipio de Soutomaior, apareceu a escasos metros de onde desapareceu.

Segundo informou o 112, un equipo do Servizo de Gardacostas da Galiza a bordo do helicóptero Pesca I localizou o cadáver.

Para recuperar o corpo, contouse coa intervención do grupo subacuático do parque municipal de bombeiros de Pontevedra.

Tratouse dun operativo que contou coa participación de distintos grupos de intervención e corpos de seguridade, mobilizados desde diferentes puntos próximos ao concello de Soutomaior, onde desapareceu o home (que era xinete) cando realizaba un roteiro a cabalo.

Pasaban varios minutos das sete da tarde do sábado cando o 112 Galiza recibiu a chamada de alerta dunha persoa que participaba na mesma actividade e viu como o home caeu do cabalo mentres atravesaban o río Verdugo, á altura da Casa de Marzo.

O animal conseguiu saír da auga, pero o home desapareceu até que unhas tres horas máis tarde apareceu sen vida practicamente no mesmo sitio.

Nesta operación interviñeron os Bombeiros de Pontevedra e Morrazo, os membros do GES de Mos, os voluntarios de Protección Civil de Soutomaior e os axentes da Garda Civil.

Pouco despois engadiuse unha dotación do Servizo de Gardacostas da Galiza a bordo do Pesca I e tamén se mobilizaron os axentes do Servizo Marítimo da Garda Civil e mesmo os GEAS, pero o corpo xa apareceu e anulouse a súa saída.