O Apalpador, da memoria á rúa

[Imaxe: Leandro Lamas]

Durante os últimos anos, o xigante carboeiro pasou de se lembrar unicamente en zonas de montaña como o Courel ou Trives a se apousentar como unha figura de Nadal propia da Galiza. Un salto que Gerrmám Ermida debullou en traballos como A recreación urbana do Apalpador, do Museo do Pobo Galego.

"A recreación do Apalpador traballouse desde o comezo apostando pola difusión desta figura por todo o país. Con este fin, os membros do centro social compostelán A Gentalha do Pichel aproveitaron o contacto que manteñen con colectivos homólogos (Fundaçom Artábria en Ferrol, Mádia Leva en Lugo...) para introducir a celebración en diferentes lugares. Estes colectivos conforman unha rede de centros sociais e de asociacións que traballan a nivel local actividades de recuperación de patrimonio, defensa da lingua e outras propostas en gran medida de carácter identitario. Tal e como apunta André Seoane a definir este suxeito colectivo, “o Apalpador renasceu e continuará vivo enquanto nós, e com este nós incluímos todas aquelas pessoas que tenhem a Galiza e o Galego como o seu universo cultural de referência, decidamos mantê-lo”. 

Pola súa banda, B. Paços sinala que “o resurgimento do Apalpador é -devemos dizê-lo abertamente- um ressurgimento essencialmente independentista, e o seu parto foi assistido polos braços do movimento associativo”. 

A partir de 2008, asociacións vinculadas a moitos destes centros sociais adoptaron a figura e recreárona nos seus propios contornos locais. Este contexto resulta fundamental para entender a rápida extensión acadada por esta iniciativa, ao contar cunha rede preexistente de persoas voluntarias dispostas a participar no proceso de recreación.

 Ademais, existían nestes colectivos dinámicas de traballo previas en procesos de recuperación patrimonial e de dinamización social e cultural. A experiencia iniciada na Gentalha foise espallando en anos consecutivos por Ourense, Ferrol, Pontevedra, Boiro, Lugo, Xinzo, Vigo, Ponteareas, Santa Comba ou Ordes, entre outros lugares, empregando fórmulas similares de representación. 

Neste tempo concellos como Compostela, Teo ou A Coruña incorporaron (nalgúns casos sen continuidade) o personaxe ás súas programacións de Nadal e empresas así como diferentes particulares, vinculárono ás súas felicitacións e campañas para esta época. 

Canda a isto, o Apalpador fíxose habitual en medios de comunicación de carácter local e autonómico (prensa, televisión, radio) nas datas de Nadal, presentado como tradición propia do país. 

En 2011 a súa presenza en televisións estatais, presentado como unha figura tradicional, en programas informativos e como disfrace nun concurso amosan a pegada que está a conseguir na sociedade galega actual. (…)

Aqueles que agora teñen menos de sete anos e levan varios coñecéndoo consideran con total naturalidade que o Apalpador leva aí toda a vida e sitúano ao mesmo nivel do que outras figuras do Nadal, o que fai pensar na posibilidade dun longo percorrido do personaxe na memoria colectiva. 

O Apalpador na cidade 

A recreación do Apalpador na cidade colle características fundamentais das celebracións públicas do Nadal propias da sociedade contemporánea. Nas mesmas, pódese citar o desfile dos Reis Magos, a repartición de lambetadas ou a recepción destes personaxes por parte de autoridades públicas. 

De xeito semellante, o Pai Nadal/Santa Claus é exposto publicamente en diferentes localizacións, nomeadamente centros comerciais, onde tamén interactúa coas crianzas. Segundo explica Paulo Rico, membro da Comissom de Memória Histórica da Gentalha, no colectivo apostaron desde o comezo por identificar o Apalpador como “o Pai Natal galego”. 

A súa intención confesa era aproveitar as semellanzas para facilitar a implantación social do carboeiro. Deste xeito, o Apalpador recupérase en parte como equivalente das figuras do Nadal urbano, converténdose tamén nun ser sobrenatural que lles trae agasallos aos nenos. 

O Apalpador represéntase en vilas e cidades, de xeito semellante a outras figuras, nun desfile. Neste evento o carboeiro recréase mediante un disfrace e vai a miúdo acompañado por un cortexo de música tradicional. No transcurso do desfile, os nenos e as nenas poden ver o mito corporizado que vai facer unha visita á cidade desde a súa morada no Courel e dálles castañas ao tempo que lles imparte a súa particular beizón para o ano desexándolles fartura e apalpándolles a barriga. Este encontro supón o principal xeito de representación ao vivo do personaxe nas diferentes urbes. 

Neste contexto, os asistentes a esta representación anual do Apalpador son participantes no rito e supoñen unha parte fundamental para a súa recreación e difusión"