O Apalpador cabalgará cos Reis Magos en Cambre

Mago de oriente, concelleiro e Apalpador

Encontro inédito esta tarde polas rúas de Cambre. O Apalpador vai participar na cabalgata de Reis que organiza o concello. 

Nunha nota de ton humorístico, a concellaría de Cultura informa de que “logo de arduas negociacións entre o Apalpador e os Reis Magos, o concello de Cambre pode anunciar a todas as crianzas do concello que por vez primeira Gaspar, Melchor e Baltasar compartirán cabalgata co Apalpador”.

Cambre vivirá unha cabalgata “moi peculiar”, segundo a nota da concellaría que dirixe o nacionalista Dani Carballada (BNG), pois contará con catro carrozas, unha para cada mago de Oriente e "unha adicional presidida polo Apalpador, que tivo a ben decorar a súa carruaxe con motivos alegóricos á fraga máxica de Cecebre, escenario de El Bosque Animado de Wenceslao Fernández Flórez".

O Apalpador gañou a pulso a súa presenza no percurso dos Reis, após realizar unha xira por todas as parroquias do concello “que bateu este ano o seu particular récord histórico de asistentes cun aumento do 100% sobre o ano anterior".

Será, alén do máis, unha cabalgata ben doce: o concello, informou Carballada, disponibilizará máis de 700 kg de caramelos e máis de 2.000 racións de chocolate. Toda a información da marcha de reis e apalpador está en cambre.es/cabalgata.

E o custo do evento? Por cima dos 30 mil euros. Carballada indica que é unha “cifra moi elevada”  e que niso están de acordo “tanto os magos de Oriente como o Apalpador” que consideran a cantidade “un tanto desproporcionada”, o que levará a que dende a concellaría se fale "ao longo deste 2017 co conxunto de grupos políticos e entidades de Cambre para tentar deseñar unha cabalgata máis participativa, asociativa e familiar e a maiores, máis económica”.