'AP-9: nosa e de balde' urxe a liberación da autoestrada: "Non somos cidadáns de segunda"

O secretario da Ucgal, Miguel López, e o presidente do CES, Manuel Pérez, este 12 de marzo. (Foto: Nós Diario)
A gratuidade da AP-9 e a súa liberación son as chaves dunha iniciativa que denuncia que "a continuidade do modelo actual" da autoestrada "non é a única vía posíbel, senón a que se escolleu manter". A Unión de Consumidores da Galiza pide transparencia e solucións inmediatas ao Ministerio de Transportes.  

A Unión de Consumidores da Galiza (Ucgal) presentou este 12 de marzo en rolda de prensa a iniciativa 'AP-9: nosa e de balde', coa que pretenden "reunir o que é un sentir xeneralizado de toda Galiza" e servir de canle para solicitar ao Goberno estatal "o traspaso, o rescate e a anulación das subas abusivas" desta autoestrada, porque a experiencia de territorios nos que se levou a cabo o rescate "demostra que existen alternativas". 

Así o explicou o secretario xeral da organización, Miguel López, que destacou que a AP-9 é a autoestrada "co maior volume de tráfico de todo o Estado", superando os 2.130 millóns de quilómetros percorridos nun ano, e presenta unha intensidade media de 26.505 vehículos por día. López sinalou, ademais, que é unha das que máis custo ten por quilómetro percorrido. 

Durante a súa intervención, deixou claro que "o argumento de que o rescate é inalcanzábel economicamente é un mito", porque o custo que tería equivale "ao volume de gasto que o Estado xa asume en bonificacións, subsidios e subvencións á empresa até o final da concesión en 2048". Ademais de destacar de que adiar o rescate implicaría máis gasto co paso do tempo. "Non podemos permitir que, malia a unanimidade do Parlamento da Galiza, o Congreso siga adiando o debate para o traspaso da competencia", denunciou López. 

E é que, tal e como relatou, en febreiro de 2026, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel denegou á Confederación ConsumES, entidade na que se integra a Ucgal, a información solicitada no portal de transparencia do Estado, para coñecer a resposta dada á Comisión Europea no marco do citado expediente que avalía a legalidade da prórroga da concesión, por considerar que conceder dita información suporía un prexuízo para a garantía da confidencialidade ou o segredo requirido nos procesos de toma de decisión. 

Na rolda de prensa tamén interviu o presidente do Consello Económico e Social (CES) da Galiza, Manuel Pérez, que destacou que "é axeitada que a presentación da iniciativa encaixa nas función do CES".

O fondo de 'AP-9: nosa e de balde'

"A situación da AP-9 responde a decisións políticas concretas adoptadas ao longo do tempo", polo que a unión de sinaturas é "fundamental" para conseguir ese obxectivo, que tanto reclaman transportistas, consumidores e viaxeiros. Este fin baséase en varios camiños para conseguilo: mediante sinaturas da petición na plataforma de Change.org, pedir a institucións, entidades e empresas de autónomos e comercias o apoio; facer coñecer a voz do pobo galego e do Parlamento da Galiza; e unha serie de encontros cos alcaldes de todos os concellos polos que transcorre a AP-9.

Ademais, mostráronse dispostos a ter reunións co ministro de Transportes, Óscar Puente, cuxa xestión tacharon de "escurantista", ao tempo que pediron "deixar de ser cidadáns de segunda".